A finais dos anos setenta, o sacerdote lucense Antonio Gandoy (1930-2002), coñecido como «o cura da bicicleta», deuse conta da necesidade de apoio educativo que tiñan as familias do rural. Daquela intuición xenial naceu Preescolar na Casa, un proxecto que medrou sen descanso nas tres seguintes décadas -só no curso pasado orientou a 4.000 familias de toda Galicia-, pero que neste momento atravesa horas delicadas debido á falta de financiamento. A principios de xaneiro, un segundo ERE deixou na rúa a oito traballadores. Dúas das afectadas, Cristina Gontad -18 anos en PnC nos que fixo «de todo»- e María Xosé Blanco -22 anos orientando grupos na zona sur da provincia- cren que a medida supón «un cambio de rumbo», xa que a maioría dos despedidos «traballaron codo con codo» con Gandoy.
-Falan de «axuste de contas»...
Cristina: -É a sensación que nos dá porque nos despediron por teléfono sen darnos ningunha explicación. Case todos os que botaron levabamos media vida en Preescolar. Só falaron do «criterio de optimizar recursos», pero resulta que nalgunha zona despediron á orientadora que levaba vinte anos, vivía alí e tiña unha relación moi intensa coas familias, algo que é moi difícil de substituír, para poñer a outra persoa que se ten que trasladar. Iso non se entende. Os únicos compañeiros que quedan da etapa de Gandoy ou son funcionarios ou foron «desterrados» a outros postos.
-A xente pode pensar que están resentidas...
María Xosé: -Non é unha rabieta porque Preescolar é a nosa vida. É un programa imprescindible aínda que nós non esteamos nel, e a súa defensa está por riba de todo. Nós sabemos que estamos fóra e iso e inamovible. O que nos doe é a falta de tacto coa que está actuando o padroado da fundación porque ten todo patas arriba. Os compañeiros que están dentro non están mellor ca nós porque están sufrindo os cambios. Algún funcionario renunciou á comisión de servizos e hai familias que se están dando de baixa.
Cristina: -A presidenta, Ermitas Fernández, e o vicepresidente, Lois Ferradás, que eran históricos do programa, presentaron a dimisión por como se están facendo as cousas. E ocultouse. Entendemos que hai que adaptarse aos tempos, pero o que está facendo o padroado vai en contra de todo o que pensaba Gandoy. Doeríalle moito porque el cría que o diálogo era a forma de resolver os problemas.
-¿Que demandan?
Cristina: -Pedimos que sexa todo claro. Parece que se están plantexando comezar a cobrar ás familias, pero se esa é a solución para seguir adiante, débeno explicar. O que non poden facer os membros do padroado é pedirlles aos orientadores que busquen financiamento, porque esa non é a súa misión.
cristina gontad e maría xosé blanco orientadoras do programa despedidas
«Con Gandoy había unha filosofía de atención aos máis necesitados, agora hai oscurantismo»