O autor da fonte de Castelao do Museo Carlos Maside, ou do Monumento ao Paiaso, en Fene


O autor da fonte das lavandeiras do río Rato, Francisco Pérez Porto (Santiago de Barallobre, Fene; 1938) traballou máis de trinta anos como técnico na antiga Astano, en Ferrol. Unha profesión que lle permitiu debuxar as grandes pezas cerámicas que crea na súa gran paixón: a arte. A fonte de Castelao que preside o Museo Carlos Maside, en Sada; o monumento ao paiaso, en Fene; o monumento á música tradicional, no cantón de Ferrol..., moitas localidades de Galicia teñen obras deste home, que se define como «renacentista total», xa que se ocupa de cada peza desde o principio ao final.

«Todo o que teño feito está baseado nunha historia do que se vai montar», confesa Pérez Porto, para quen «a escultura é como unha lectura»: «As fachadas son libros abertos». Para crear a fonte das lavandeiras do Rato -un encargo da Deputación de Lugo- recordou a labor das mulleres que outrora baixaban ao río en Lugo lavar e mesmo as lendas das sereas do Miño. Rematou a obra no 2004 pero a obra aínda non foi instalada.

Con Sargadelos e Díaz Pardo

Hai máis de vinte anos que colabora estreitamente con Sargadelos e co seu fundador, Isaac Díaz Pardo, quen nos últimos anos se está vendo relegado por un grupo de accionistas do grupo. Participou en moitos dos talleres internacionais sobre experiencias cerámicas que organizaba o grupo. Ademais traballou catro anos no Centrad de Lugo e no obradoiro municipal de cerámica de Ferrol.

Votación
0 votos