«No tempo da matanza non dou atendido a toda a xente que me chama porque non hai quen mate»

L.R.I.

LUGO

04 dic 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

«O sábado teño dous [porcos] para salar pola mañá e un para matar pola tarde. O domingo terei tres para matar pola mañá e o luns outros tres para matar; ademais de salar os que se mataron o día anterior...». A apertada axenda que lle espera a Víctor Roca López a próxima fin de semana vén demostrar que é herdeiro dun oficio centenario no rural lucense que está a piques de desaparecer.

Veciño do lugar de San Cibrao, na parroquia de Buriz, en Guitiriz, confesa: «Agora, no tempo da matanza non dou atendido a toda a xente que me chama para que lle vaia porque non hai quen mate porcos».

Diante deste panorama, afirma que este ano as cousas van ben: hai «máis ou menos o mesmo choio que o ano pasado», e mesmo «está saíndo xente nova» que antes debía ter outros matachíns de man.

Xornaleiro o resto do ano

Víctor, que o pasado martes estaba «de roxóns e de bistés» na súa casa, xa que celebraron a matanza a fin de semana pasada, traballa o resto do ano como xornaleiro. Outro oficio rural «dos de antes» que ten agora máis saída ca nunca porque «non hai quen o faga». Ensilar, segar herba ou botar esterco son algunhas das tarefas que realiza de xeito habitual nas casas onde o chaman.

Hai dous anos que a lei deu un xiro de 180 graos e prohibiu o sacrificio tradicional con coitelo en favor das pistolas. Así e todo, o coitelo segue sendo habitual en moitos lugares. «Séguese facendo coma antes, a maioría da xente compra os cochos cando son pequenos, nunha granxa ou na feira, e logo cébanos eles na casa ata a matanza», comentou o matachín guitiricense.