Casas que comparten pistola para matar porcos e máquina de picar

LUGO

A crise e a lei que prohibe sacrificar animais con coitelo están animando a moitos lucenses a comprar e empregar a medias os útiles imprescindibles para a matanza

04 dic 2009 . Actualizado a las 02:28 h.

Poñer a auga a ferver, afiar os coitelos ou preparar o baño no que se vai salgar parte da carne son só algúns dos ritos previos á matanza do porco. Unha tradición secular que segue gozando de boa saúde en centos de aldeas lucenses pese á crise e pese á lei de Benestar animal, que hai agora dous anos prohibiu o sacrificio a coitelo. Con todo, as dúas situacións están detrás dun fenómeno que, sen ser novo, está gañando cada vez máis adeptos na provincia de Lugo: o de compartir pistolas para matar cochos, máquinas de picar carne e mesmo máquinas de envasado ao baleiro.

Desta maneira os veciños reparten o uso e tamén o gasto dunhas ferramentas que habitualmente só se empregan unha vez ao ano e que supoñen un desembolso económico forte. Unha pistola custa ao redor de 100 euros e unha máquina de picar entre 290 e 350 euros, como explicaron onte nun establecemento da cidade amurallada. «Hai cinco anos, cando había cartos para todos, a xente compraba a máquina [en solitario] para non estar a expensas de nada, pero agora cómprana nun pobo e repártena», indicou Roberto López Cuesta, de ferretería Nodal.

Segundo relatou, «a pistola dura toda a vida» e «o seu mantemento é moi parecido ao dunha escopeta de cazador, hai que limpar e engraxar». «É unha peza que á parte de ser cara dura moito tempo», sostivo unha compañeira, que recordou que «o bum de ventas» desta arma tivo lugar «a raíz da lei»: «Agora vendemos entre 2 e 5 cada ano, non máis».

As máquinas de picar e embutir carne de porco son agora eléctricas. «As de manivela xa non se venden. Iso xa morreu, pasou á historia», subliñou López. Ao parecer, no negocio no que traballa só as traen por encargo: «Se algún cliente ten o antollo dunha, pídeselle».

O prezo neste caso non é definitivo. «As de manivela andan sobre 190 euros e nelas fai falta xente para meter a carne, darlle á manivela e embutir, así que por 100 euros máis compras unha na que unha persoa pode facer todo soa».

Venta «bastante parada»

Este outono a venta está «bastante parada», pero negocios do sector esperan que mellore no mes de decembro. A chegada do frío, que axuda a conservar a carne, anima o tempo das matanzas.