O escultor Anxo Lamas recibirá o título de veciño de honra de Bazar


04/09/2009 02:00 h

Unhas 300 persoas reuniranse o sábado na comida veciñal de confraternidade que cada ano celebran os veciños das parroquias de Bazar e Coea, no municipio de Castro de Rei. O banquete dará comezo ás dúas da tarde e terá lugar nunha carpa instalada na pista polideportiva do centro cultural Ignacio Rey Stolle.

Esta xuntanza, que promove a asociación cultural do mesmo nome, servirá ademais para facerlle entrega ao pintor e escultor Anxo Lamas Muinelo da placa de prata que o distinguirá como veciño de honra, un nomeamento que foi acordado por unanimidade da directiva da asociación que preside Rafael Campo Andión, que quere recoñecer con este título o traballo do citado artista a prol das mencionadas localidades. Ademais, considera que é un título moi merecido por tratarse dun dos veciños máis internacionais, autor de miles de pezas pictóricas e escultóricas espalladas por todo o mundo.

A distinción de «veciño de honra» institúese por primeira vez neste 2009, pero a asociación Ignacio Rey Stolle agarda que a partir de agora teña continuidade e que cada ano lle sexa concedida a unha persoa que se distinga por traballar polo desenvolvemento económico, comunitario, cultural ou social desta zona do concello de Castro de Rei.

Premios do torneo de tenis

No transcurso desta celebración veciñal tamén serán entregados os trofeos do torneo de tenis Javier Rey Stolle, que se celebrou en días pasados e que contou con 26 participantes de toda a comarca chairega. Na categoría infantil proclamouse gañador José Basanta, da parroquia de Muimenta, en Cospeito; mentres que David García Castro, de Bazar, fíxose co triunfo en categoría xuvenil.

Votación
0 votos