Colmenero suxire que o castro da Piringalla puido ser un lugar sacro dedicado a unha divindade local

A localización de restos dun asentamento castrexo na Piringalla, fronte aos depósitos da auga, constituíu unha das maiores sorpresas no mundo arqueolóxico lucense dos últimos anos. Rodríguez Colmenero visitou a zona cando se levaban a cabo algunhas escavacións arqueolóxicas.

-Ten vostede un profundo coñecemento da historia da cidade romana. Á luz desa información, ¿como interpreta ese achado?

-Iso é importante. Eu só o vin unha vez. O director da escavación invitoume moi amablemente. É unha escavación moi sectorial, moi fragmentaria, nas que se descobren muros e foxos. Partindo da aparición dun xacemento de tipo castrexo, que non digo que sexa un castro, alí, si podo dar unha explicación do que significa no panorama xeral de Lugo e o nacemento da cidade. En primeiro lugar hai que ter en conta que Lucus Augusti necesita un lugar de referencia para ubicación do lucus , que, contrariamente ao que cre a xente, incluídos certos eruditos locais e non tan locais, non é só un bosque sagrado, nin un claro no bosque; pode contar incluso con edificios sacros destinados ao culto. Pode ser que aí residira, que sexa o sitio de referencia dese lucus prerromano, que non sería unha cidade nin un campamento, senón que sería unha especie de poboado, lugar sacro, dedicado a unha divindade local. Cada vez temos máis aras dedicadas a luco , a lucovus ; ultimamente apareceron outras dúas. Pode ser que realmente ese sexa o sitio -non o digo con certeza- de atribución dese hipotético lucus prerromano que realmente estaría nese bosque emerxente sobre o Miño.

-¿Por que, entón, a cidade naceu máis abaixo?

-Porque foi magnificamente programada por enxeñeiros romanos, tanto o campamento como a cidade. E deixaron, posiblemente, aquilo alí -non chegou alí a cidade aínda que tiña boas condicións para elo- porque había un nacente de auga e se algún día a cidade quería ter auga corrente, tiña que aproveitar a gravidade para que chegara polo seu propio peso. O que se empezou a descubrir aí pode que sexa nada, pero pode que sexa realmente punto de referencia para ese lucus prerromano. É unha opinión, só unha opinión porque non teño datos, pero visto os paralelos con outros lugares non me estrañaría que fora así.

-Hai moito camiño andado en Lugo desde aquel 1986 en que dirixiu as escavacións para os aparcadoiros soterrados...

-Lugo deu unha volta do dereito para o revés desde 1986, que foi o momento do auténtico descubrimento da cidade romana, non da Muralla. E os lugueses se queren que Lugo medre en importancia, en turismo e fama, como o está a facer, teñen que sacrificarse non só as autoridades, senón tamén a poboación. Non pode haber un monumento que é Patrimonio da Humanidade como a Muralla co botellón encima. A escavación de 1986 foi tan fecunda que soubemos descubrir as liñas fundamentais do que foi o Lugo romano; posteriormente só se fixo completar o que entonces se descubriu. Foi o auténtico nacemento da arqueoloxía urbana de Lugo, con resultados espléndidos, que deberían estar debidamente publicados.

Votación
1 votos
Etiquetas
Botellón Lugo ciudad Comarca de Lugo Patrimonio de la Humanidad