«Estamos creando Comités Locais onde tivemos candidatura»

Lucía R. Insua

LUGO

26 jul 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

lugo | Terra Galega naceu como alternativa ás dúas forzas políticas hexemónicas -PP e PSOE- e un ano despois atópase inmerso nunha etapa de consolidación, segundo explica o coordinador provincial de Lugo, Anxo Rodríguez. -¿Que valoración fai deste tempo? -Moi positiva. Conseguimos concorrer ás municipais con 19 candidaturas na provincia e, dunha maneira ou doutra, estamos nos gobernos de seis concellos. Temos a alcaldía de Meira e cogobernamos en Riotorto cos nacionalistas, e en Castro de Rei, Samos e Láncara cos socialistas. Ademais, no Valadouro chegamos a un acordo co PP. Eles terán a alcaldía dous anos e nosoutros outros dous. -E tamén seguen tendo opcións noutros concellos. -Tanto na Fonsagrada como nas Nogais hai gobernos socialistas en minoría que terán que negociar para conseguir unha estabilidade. Nós estamos dispostos a seguir conversando. En Lugo recibimos ao redor dos 6.000 votos e non descartamos presentarnos ás xerais, aínda que sabemos que as posibilidades aí son reducidas. -¿En que punto se atopan agora? -Nos concellos onde presentamos candidatura estamos intentando crear os comités locais, e tamén onde nos quedamos por pouco. É o caso de Navia de Suarna, Chantada, Carballedo, Taboada ou Baralla. Somos un partido de centro progresista moderado con matiz autonómico, mesmo federal, pero respectuoso coa Constitución.