Dos «roxos de Paradela» á masacre de Montecubeiro

Cristina López LUGO

LUGO

Familiares de Rafael de Vega Barrera, José María Díaz-Villaamil e Santiago Casares Quiroga ofreceron o seu testemuño no curso de verán sobre as vítimas do 36 en Galicia

10 jul 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

A xulgar polo dito onte na Facultade de Humanidades pola profesora e historiadora María Xesús Souto Blanco no curso de verán sobre as vítimas do 36 en Galicia, a represión na provincia lucense non afectou por igual a todos os concellos e naqueles nos que foi máis acusada tampouco tivo as mesmas características. Á hora de situar no mapa da provincia de Lugo os lugares nos que se concentrou a represión habería que facer algunha que outra parada obrigada, tanto na Mariña, como na propia capital, sen esquecer as comarcas do sur e as da montaña oriental. Neste caso, exceptuando as situacións vividas en Becerreá e en Cervantes, nas zonas da Fonsagrada, O Courel e O Cebreiro apenas se deron mobilizacións de campesiños, xa que a resistencia foi obra sobre todo dos fuxidos e dos guerrilleiros. O que si cabe significar é que esa resistencia foi de longa duración, posto que se localiza nos anos 37 e 39. Episodios máis duros vivíronse nas comarcas de Lemos, Quiroga, Chantada, Sarria e O Saviñao, onde as detencións se sucederon inmediatamente, con motivo da rebelión de Asturias. Nestas zonas chegou a haber enfrontamentos armados directos, nalgún caso con resultado de varias mortes, como as ocorridas en Sober. Mentres tanto, en Chantada eran frecuentes as persecucións contra directivos de organizacións forais. En Paradela chegaron a ser tantos os afiliados a sindicatos agrarios, que se deu en falar dos «roxos de Paradela», aos que, segundo María Xesús Souto, se lles chegou a atribuír a morte dun cura, aínda que esta se debeu a un lío amoroso. Na costa luguesa, Ribadeo, Viveiro e A Pontenova conformarían o triángulo tráxico no apartado das zonas de maior resistencia aos sublevados. No extremo oposto estarían aqueles outros concellos da provincia nos que a represión case non se deixou sentir, principalmente pola importancia que neses municipios tiñan os sindicatos católicos agrarios e as redes caciquís. Mortos en Ribadeo Voltando ao ocorrido na Mariña, foi en Ribadeo onde a resistencia se fixo máis explícita e onde o 23 de xullo do 36 houbo ata seis mortes. Entre os falecidos non se atopaba o rexedor, Rafael Fernández Cardoso, que conseguiu fuxir a América. Ao longo das súas pescudas, Souto Blanco tivo acceso a algúns sumarios militares instruídos polos sucesos que tiveron lugar en Ribadeo. Nun deles figuran ata unha ducia de procesados, dos cales tres foron condenados a morte e cinco paseados, entre eles Santiago Fariña, Marcelino Álvarez López, José Torviso e Florencio Carballo. Esta historiadora relatou onte cómo a realidade dos feitos foi moi diferente da versión oficial que se recolle neses sumarios, xa que as autoridades trataban de eliminar por todos os medios calquera pegada que puidese existir. María Xesús Souto Blanco tamén se referiu durante a súa exposición ás detencións masivas levadas a cabo na capital luguesa. Un dos detidos foi o doutor Rafael de Vega Barrera, expulsado do seu cargo de director do hospital provincial de Santa María e executado o 18 de outubro de 1936. Foi un dos seus 18 netos, Rafael Pérez de Vega, quen realizou onte un achegamento á figura dese afamado doutor, que pasou cen días no cárcere antes de ser fusilado. A modo de recoñecemento pediu que o novo hospital leve o nome dese doutor. Tamén falaron del persoas que foron pacientes seus, como Sofía Andrade, que xunto coa súa nai foi a depositar flores á tumba de Rafael de Vega Barrera ao longo de moitos anos, e Xesús Pérez Regueiro, que logo de revelar que lle debe a vida a ese doutor, contou como as xentes máis humildes de Lugo se botaron á rúa para pedir que non fose fusilado, custándolles a algún ir a parar ao cárcere. O presidente da Asociación para a dignificación das vítimas do fascismo, Manuel Sarille Lenceiro, relatou cómo viviu a represión na persoa da súa irmá Carmen, pero tamén se referiu aos casos de José María Díaz Villaamil, unha das persoas máis influíntes no republicanismo galego e lucense, que asasinaron dun balazo ao tratar de escapar do seu escondite. Á masacre de Montecubeiro, en Castroverde, tamén lle dedicou Sarille un apartado especial. Nesta parroquia, onde dos dous centos de veciños existentes, 190 eran socios da Unión de Labradores de Montecubeiro, foron asasinadas 15 persoas o 20 de agosto de 1937, entre elas Carmen Sarille Lenceiro.