As máquinas que determinaron a evolución do agro galego

Cristina López LUGO

LUGO

En directo | Exposición na Politécnica polo san Cidre

15 may 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

Entre un tractor Fordson do 1920 e un Masey Ferguson do 2007 non soamente hai uns cantos anos de diferenza, senón tamén un bo número de avances tecnolóxicos. Este tipo de contrastes puidéronse apreciar onte na primeira mostra de maquinaria agrícola de época, que, con motivo da festividade de san Cidre, se celebrou na Escola Politécnica Superior, contando coa colaboración da Asociación Galega de Amigos da Maquinaria Agrícola Clásica (Agamac). Tractores das marcas John Deere, Hanomag Barreiros ou Lanz, un dos que máis paixóns esperta a nivel de coleccionismo en Europa, centraron a atención dos alumnos e do resto da xente que visitou a exposición, na que tamén había varios modelos de tractores Masey Ferguson, precisamente para amosar como foron evolucionando tecnoloxicamente estas máquinas. A mostra completábase cun bo número de motores estacionarios das máis variadas marcas, desde a inglesa Lister, ata as españolas Vellino, Diter ou Marvel. Tampouco faltaron as máquinas de mallar, as segadoras, as colleitadoras e outros aperos, algúns con preto dun século de antigüidade. A mostra estivo aberta ao público dende as dez da mañá e ata as seis da tarde e incluíu un desfile de tractores de época, o acendido de motores estacionarios e demostracións do funcionamento das distintas máquinas que formaban parte da exposición, que foi oficialmente inaugurada polo vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Carlos Herrero; o director da Politécnica, Javier Bueno; o presidente de Agamac, Marcos Vázquez Marey; o delegado provincial de Medio Rural, Emilio López Pérez, e o concelleiro de Economía e Zona Rural, Francisco Fernández Liñares. Ademais de agradecer a boa acollida que as diferentes institucións amosaron para a organización desta exposición, Bueno destacou que a divulgación da tecnoloxía do medio rural tamén forma parte da cultura. Pola súa parte, Marcos Vázquez sinalou que mostras como a celebrada onte serven para fomentar a autoestima do labrego, do traballador do medio rural. Nesta mesma idea incidiu Emilio López, quen se referiu á historia da agricultura como a historia viva do país, que quedará recollida no museo agrario que se proxecta na Casa Grande de Lusío, en Samos. Creación dun museo Da creación dun museo ligado ao sector agrícola nas propias instalacións da Escola Politécnica Superior tamén falaron o director deste centro, o vicerreitor do campus e o representante do Concello, Fernández Liñares, que en referencia a esta iniciativa dixo que «non sería un gasto inútil». En canto ao contido da mostra, o concelleiro de Economía afirmou que este é o legado que podemos deixarlle ás xeracións futuras. Como complemento desta mostra houbo varias conferencias. Así, Domingo Astariz repasou a evolución da automoción clásica e destacou o papel que neses avances tiveron empresarios como Henry Ford ou Eduardo Barreiros. O coleccionista José Manuel Traseira centrou o seu relatorio nos motores estacionarios antigos, usados principalmente nas mallas. O presidente de Agamac falou da situación europea da maquinaria agrícola clásica, poñendo de relevo o atraso existente en Galicia e en España nesta materia, fronte a países como Holanda.