A vida na casa de Badiola

Xaime López Arias SARRIA

LUGO

BLANCO

Crónica | A Garda Civil no municipio (II) En 1896 vivían no cuartel 34 persoas entre axentes, familiares e a familia dun xornaleiro. Naquel tempo patrullaban a pé día e noite para vixiar os concellos de Sarria e Paradela

07 abr 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

En 1896 a Garda Civil estaba de novo asentada na casa de Badiola, no barrio de San Lázaro, hoxe rúa do Porvir, no edificio que ata hai poucos anos serviu de asento a Pensión Chelo. Trátase dun edificio de baixo, dous altos e bufarda construído polo comerciante de orixe vasco Badiola, que a construíu posiblemente con miras ao aluguer. Tiña o número 3, naquel barrio que só seis anos antes era da parroquia de Maside e que entón pola proximidade á Estación tiña un grande dinamismo comercial, ao se asentar alí algunhas pequenas industrias e almacéns, como a Casa do Vento. Como no ano 1896 o Mosteiro da Madalena foi entregado á Orde Mercedaria o proxecto de asentar alí o cuartel foi abandonado definitivamente e estando ocupadas tódalas casa da vila, a Garda Civil tivo que se asentar no extrarradio, se ven pola estrutura polinucleal que neses anos tiña Sarria e a proximidade ao ferrocarril e á rede de estradas non facía desmerecer en efectividade a súa ubicación. En 1896 prestaban servizo no cuartel de Sarria, e vivían nel, os gardas que se relacionan a continuación. Balbino García Fernández, natural de Couso (Lugo), de 46 anos, casado con Visitación Jul, e vivían con eles os seus fillos Roxelio, Davide, Emilia, Domingos, Agostiño, Cándido, Anxo e María do Carme, con idades comprendidas entre 14 anos e 2 meses. Ramón Mejuto Arias, natural de Palas de Rei, de 39 anos, casado con Dores Seijas, e os seus fillos Filomena, Casimiro, Remedios, Henrique e Ramón, con idades entre 14 e 2 anos. Faustino Tablas Neira, natural de Orizón, de 38 anos, viúvo, e vivía con el unha filla de 8 anos chamada Matilde. Rosendo Freijo Méndez, de Acebedo, tiña 32 anos, estaba casado con Polar Villamide e tiñan unha filla, Irene Freijo. Estevo García Ulloa, de San Fiz (Lugo), de 45 anos, casado con Tereixa Fernández, e os seus fillos Tereixa, Antonio, Pedro, Modesta, Anselmo e Matilde, con idades entre 14 e 1 ano. Ademais vivía na mesma casa a familia do xornaleiro, e máis adiante contratista de obras, José J. Cabada, de 40 anos, natural de Pontevedra, casado coa sarriana María Viñas, e os seus fillos Concepción, Manuel e Xosé. Habitantes A Casa Badiola reunía así un total de 34 persoas, e aínda que a edificación era grande, chama a atención a estreitura coa que debían vivir os alí moradores. Por outra parte, e coñecendo a escaseza do soldo de que disfrutaban os garda civís, sorprende hoxe (entón quizáis non) que as familias tivesen un número tan grande de fillos, sendo ben posible que se desenvolver dentro de parámetros puramente espartanos, diante da insuficiencia dos recursos económicos de que dispoñían. Está claro que a vida diaria dos servidores da orde pública en Sarria raiaba case que no heroísmo, pois mantiñan servizo nos concellos de Sarria e Paradela, facendo patrullas a pe por malas corredoiras, xa que as estradas eran escasas, con movemento profesional constante de día e de noite, e cun reducido número se servidores públicos, o control propio de dúas estacións do camiño de ferro (Sarria e Oural), amais dos servizos especiais derivados da existencia dun balneario en Céltigos, que na temporada de verán contaba con moito suceso, e precisaba de especiais servizos de garda, sen descoidar tampouco as feiras de Vilamaior e de Sarria e as moitas romarías nas que as liortas entre mozos de diferentes parroquias eran costume fortemente arraigado. Todo fai aínda máis meritorio o labor dos números a fináis do século XIX.