Unha obra maxestuosa

Xaime López Arias SARRIA

LUGO

BLANCO

Crónica | Un mosaico xacobeo O grupo de sendeirismo de Arcas visitou a xigantesca peza que fixo o padre Sanmillán en Villar de Mazarife. Fai anos estudouse realizar unha similar no convento da Madalena

10 mar 2007 . Actualizado a las 06:00 h.

No ano 2006 os compoñentes do grupo de sendeirismo da Asociación Cultural Aras recorreron a pe o camiño de Santiago entre a localidade burgalesa de Castrojeriz e a cidade de Astorga, dedicando especial atención ao coñecemento do patrimonio histórico e artístico, así como ás dotacións feitas nas provincias de Burgos, Palencia e León. Coñecedores de que o anterior superior do convento mercedario de Sarria, o padre Sanmillán, é natural de Villar de Mazarife, unha localidade do Páramo leonés, e de que un dos ramais do camiño pasa polo lugar, os camiñantes achegáronse ata alí, en especial para coñeceren o magnífico retábalo onde se atopan representadas diversas escenas relacionadas co Apóstolo Santiago. Recibidos por familiares e amigos do padre Sanmillán, despois de visitar a igrexa, o grupo foi conducido ata a entrada do pobo, onde se pode admirar un xigantesco mosaico de temática xacobea, dentro dunha ben acondicionada área para a acollida de peregrinos. Esta peza, obra destacada do grande mosaísta que é o padre Sanmillán e un equipo de colaboradores é unha mostra do que foi proxecto artístico de máis altas miras, ofrecido ás autoridades para a dignificación e sinalización da histórica ruta das peregrinacións, e que se leva adiante, constituirá toda unha referencia vitalizadora. Descanso Os camiñantes cando chegan a Villar de Mazarife poden disfrutar dunha boa área de descanso e contemplaren unha grandiosa obra artística. Ao fío do descubrimento polo grupo dese grande mosaico, ven a nosa memoria aquel proxecto de instalación no claustro do mosteiro da Madalena de Sarria (convento mercedario) dun mosaico alegórico do camiño de Santiago, que hoxe se pode contemplar, ampliado, no claustro pequeno do mosteiro de San Xoán de Poio (Pontevedra), e a posibilidade de que, como belo proxecto colectivo, baixo da dirección do padre Sanmillán, contando co interesa e compromiso das autoridades municipais e das persoas sensibles da localidade, se puidese realizar un novo mosaico, para que o claustro mercedario de Sarria amose en todo o seu esplendor unha obra creativa que, tendo en conta a vinculación e tradición xacobea dese espazo, constitúa ao mesmo tempo un atractivo e posta en valor do vello cenobio. Sabendo da boa disposición do padre Sanmillán para que ese proxecto poida ser realidade nun futuro próximo, e do ofrecemento por el feito, sorprendería que se deixase pasar, outra vez, a magnífica ocasión de colocar un maxestoso mosaico nun espazo tan significativo, sen que se dese, por parte dos sarriaos a entusiasta resposta que este proxecto merece. Concello, asociacións, empresas e particulares non deberían deixar caer en saco roto este xeneroso ofrecemento. Da calidade do seu labor artístico falan as obras xurdidas na escola obradoiro de Poio e da vocación xacobea da súa obra é boa mostra o mosaico do seu nadal Villar de Mazarife, e tampouco se debe esquecer o San Pedro Nolasco na igrexa de Santiago de Farbán. Sarria non debe permanecer allea á posibilidade de que o claustro do convento pase a destacar como punto de visita obrigada, e cecais haxa que pensar nese proxecto coma un reto colectivo para tódolos sarriaos, pois se a nosa vila naceu no camiño, e é o lugar elixido por moitos para comezar a súa peregrinación, dalgunha maneira se debería plasmar a homenaxe dos sarriaos a cantos por alí pasan. Sen dúbida o proxecto do padre Sanmillán é merecente da máis favorable das acollidas. Sarria ten a palabra. Querer é poder, e tesela a tesela este ilusionante proxecto debería ser unha gozosa realidade.