Hélia Correia atribúe o seu vínculo con Galicia ao universo celta común

Montse García Iglesias
Montse garcía SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

XOAN A. SOLER

A autora portuguesa será premiada hoxe como Escritora Galega Universal no transcurso da Gala do Libro Galego

20 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

«Galicia e eu temos relacións ancestrais, vamos beber ás mesmas fontes. De aí vén a súa presenza nas miñas obras, da Galicia celta, da Galicia ancestral. A miña cultura, a miña mitoloxía é esencialmente celta». Así explica ese vínculo especial que ten con Galicia a autora portuguesa Hélia Correia (Lisboa, 1949), que esta tarde recibirá no Teatro Principal de Santiago o premio Escritora Galega Universal, outorgado pola Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) no marco da segunda edición da Gala do Libro Galego.

A escritora, que participou onte en diversos encontros e actividades en Santiago, recibiu o recoñecemento da AELG pola alta calidade literaria do conxunto da súa obra, «coa que dá testemuño do seu tempo, do noso tempo, desde un insubornable compromiso ético». Toma o relevo de escritores como Pere Gimferrer, Luiz Ruffato, Lídia Jorge, Mahmud Darwix ou Antonio Gamoneda, entre outros.

Correia considera este galardón un premio de irmáns, polo que non sabe como agradecelo. «É un recoñecemento notable na miña vida porque ser considerada oficialmente escritora galega é unha promoción moi impresionante nas ambicións que me tocan, pero, ao mesmo tempo, é unha cousa extraordinariamente íntima. A miña relación cos irmáns das letras e da canción galega é xa unha cousa moi cimentada», afirmou nun acto acompañada, entre outros, polo presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega, Cesáreo Sánchez, e polo da Asociación Galega de Editores, Xosé Ballesteros. A autora dedícallo ao músico Fran Pérez, Narf. «Cantou unha canción cun texto meu sobre o 25 de abril. Tivemos poucos momentos xuntos, pero moi especiais», lembraba.

Correia explicou que un dos seus primeiros grandes «encantamentos» coa literatura foron as cantigas de amigo. «Esa literatura non é só un prodixio de beleza matricial, tamén é un prodixio literario, pola capacidade de crear un estilo propio fronte ao estilo dominante, que era o trobadoresco francés. É un misterio como se xuntaron de modo único. As nosas cantigas amigo son únicas e socialmente incompresibles no universo literario», afirmou a gañadora do Prémio Camões 2015, o principal recoñecemento da lingua portuguesa. «É noso, é común, porque a nosa familia vivía toda na mesma casa e falaba toda a mesma lingua. O universo celta é o meu universo primordial, non é o universo lusitano propiamente dito. Entón, os puntos de encontro son moitos», engadiu a autora de obras como A terceira miséria ou Montedermo.

Abondando na relación artística entre Galicia e Portugal, sinalou que a hai principalmente entre os cantantes. Non ve a mesma correlación a nivel dos poderes políticos. «Galicia ten un irmán ao lado e quere xuntarse a el, e Portugal quere xuntarse cos amigos ricos, está desexoso de agradalos e quere imitalos», criticou.

Respecto ao Prémio Camões, que recibiu hai dous anos, Correia asegurou que non mudou en nada a súa vida: «Non teño ambición social, de prestixio, de proxección literaria. A miña ambición é o texto; chegar a el, amar o texto escrito».

Galardóns literarios

Na Gala do Libro Galego, organizada pola AELG, a Asociación Galega de Editores e a Federación de Librarías de Galicia, ademais da entrega do recoñecemento a Correia, outorgaranse os premios aos mellores traballos literarios realizados no ámbito editorial ao longo do ano pasado. Hai un total de once categorías, con cinco finalistas en cada unha delas. Durante a gala actuará o grupo musical De Vacas.