Os escritores salientan o atractivo de Rosalía entre a mocidade galega

Joel Gómez SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

Álvaro Ballesteros

Discursos, poesía, actuacións, canto, música e unha ofrenda floral homenaxearon a autora en Santiago

20 feb 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando está próxima a conmemoración do 180.º aniversario do seu nacemento, o 24 de febreiro, a persoa e a obra de Rosalía de Castro exercen enorme atractiva entre a mocidade galega. Así o salientou onte o presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), Cesáreo Sánchez, no acto central co que esta entidade celebra a efeméride. Destacou como nos centros de ensino do país o estudantado se adhire ás celebracións con vídeopoemas, autogravacións individuais, pequenas obras teatrais «e todo o que dispón o fermoso maxín creador que habita nos nosos escolares», enxalzou.

Tamén concellos, asociacións culturais e outras entidades se suman con propostas diversas. Porque, en valoracións da AELG, «desde o profundo da voz e co seu canto radical e solidario, Rosalía de Castro mobiliza a nosa conciencia colectiva, galega e universal. A obra de Rosalía, adiantada ao seu tempo, fala tamén para a mocidade do século XXI: adáptase, camaleónica, a todos os soportes e medios de difusión tecnolóxica, en papel ou dixitais».

O acto de onte aconteceu no Panteón de Galegos Ilustres, en San Domingos de Bonaval. Participaron representantes dos catro grupos municipais de Compostela, da Deputación Provincial, e de diversas entidades culturais do país e da sociedade local, nunha sesión moi concorrida. Cesáreo Sánchez indicou que son xa case 70 os concellos que declararon o 24 de febreiro como Día de Rosalía, e o mesmo as deputacións da Coruña e de Lugo. Confían en que o fagan tamén as outras deputacións e o Parlamento autonómico.

Alén diso, reivindicou un ano máis que se dinamicen as xestións para conseguir que o Panteón de Galegos Ilustres sexa laico, «de acceso público, e que o seu uso teña titularidade pública. Hai moitos anos que temos que repetir esta situación de ter que pedir permiso eclesiástico» para honrar a Rosalía, indicou. Xulga Cesáreo Sánchez que non procede iso, xa que Rosalía é «un dos símbolos que acrisola aquilo que os galegos e galegas somos e soñamos ser». É por iso que «apelamos con orgullo á súa figura», acrecentou. 

Un libro galego e unha flor

Para singularizar a efeméride do nacemento de Rosalía, Sánchez sinalou que a AELG «propón á cidadanía que agasalle un libro en galego e unha flor» o día 24 deste mes, febreiro, e cada ano.

Ledicia Costas leu o Manifesto que elaborou, a pedido da AELG, para a efeméride no 2017. Defende unha visión de Rosalía como «unha muller que se aferra ás palabras sen complexos». Presentou á autora de Cantares Gallegos como «unha xigante que non precisa respiración asistida, nin prantos, nin ritos florais. Os pulmóns da súa obra aférranse ao futuro e ínflanse coa forza dun país que respira cultura por cada fenda». Hoxe, dixo, Rosalía estaría con causas como a oposición á violencia machista ou a reivindicación dunha «maior presenza do galego na escola, na rúa, na vida», insistiu Costas. 

Henrique Alvarellos, da Asociación Galega de Editores; Pilar Rodríguez, da Federación de Librarías; Pilar Astray Rodríguez, da Asociación Traxe Galego; Pilar Reino, da Asociación Cultural e Musical Solfa, de Santiago; Larraitz Urruzola (quen utilizou unha boneca, que simbolizaba a Rosalía, na súa intervención), César Goldi, Federico Pérez, Josi Lage, Ricardo de Barreiro e Andrea Dunia, da Asociación de Actores e Actrices de Galicia; e Ramiro Torres e Mercedes Queixas, da AELG, leron poesías. O coro da asociación Solfa interpretou dúas composicións de Rosalía e outra de Curros. O acto finalizou coa ofrenda floral, e coa interpretación do himno galego polas persoas que asistiron.