Poema de amor

Fran Bouso O OUTEIRO DE MONDOFORTE

A MARIÑA

14 feb 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

En 1382, o escritor inglés, autor dos “Contos de Canterbury”, Geoffrey Cahucer publicou un poema titulado “O parlamento das aves” no que se menciona por primeira vez o Día de San Valentiño coma a festa dos namorados. O certo é que na Antiga Roma, xa se celebraba unha festa pagá adicada á fertilidade, a chamada “Lupercalia”. Esta festa foi prohibida polo Papa Gelasius I, quen instaurou o 14 de febreiro como conmemoración do San Valente.

Para demostrar amor, cariño, amizade ou afecto é bo calquera día e senón que llo pregunten a Alberto Bermúdez, o centrocampista da S.D. Mindoniense que no partido disputado o domingo, 27 de abril do 1997 no Manuel Anxo Cortizo ante o equipo local, o CD Lalín, e logo de ser expulsado polo colexiado, dirixiuse a el, abrazouno e bicouno. Esas mostras de afectividade tan pouco usuais entre futbolistas e colexiados levou a que Alberto fose entrevistado por José Ramón de la Morena no programa radiofónico “El Larguero”. Durante a entrevista o xornalista preguntoulle ao xogador: “¿Ahora que te has hecho famosillo, habrás recibido muchas ofertas, no? Ao que Bermúdez respondeu: “Trabajo en un supermercado y tengo ofertas todos los días”.

De historias de amor está o mundo cheo e esta terra nosa non podería ser menos. Din as linguas que Pedro V de Portugal estivo en Mondoñedo guiado polo amor que profesaba a Manuela Rey, a “Muller Lirio” e tamén que Afonso VII namorou dunha mindoniense. Froito dese amor, o rei outorgou á antiga Val de Brea o Foro de León mediante o cal se lle concede o título de cidade e o poder para organizar feiras. Así nolo contou Antón Meilán no Pregón das San Lucas do ano 2014.

E hai moitas historias de amor que están por vivir. Un bo lugar para enmarcalas nesta Mariña é o Paseo dos Namorados (Cervo), un sendeiro cuberto de vexetación zumegante de vida no que a música acuática sempre está disposta a poñer banda sonora ao camiño dos amantes.

Sendo hoxe o Día dos Namorados e tendo a orixe que ten, quixera compartir con vostedes o único poema de amor que teño composto:

«Amar contra ninguén, / a favor do vento, / diante das sombras, / sumando días. // Apréciote, apréciasme, apreciámonos. // Continuar un camiño de melodías / un andar harmónico de ilusións / esperanzas, / soños. // Deséxote, deséxasme, desexámonos. / Construír sobre base firme / bico a bico como pedra a pedra, / caricia a caricia como paso a paso, / aperta a aperta como soño a soño, /canción a canción. // Quérote, quéresme, querémonos. // Estar sós estando con todos, / poñerse diante o mundo, / mirarse aos ollos / e dicir “si”. // Ámote, ámasme, amámonos. // Si, quero quererte, quero. / Quero quedarme ao teu carón nun movemento continuo. / Quero camiñar por riba das nubes e non quero quedarme só cando chova. / Quero sentir o son que impulsa o sangue que percorre o teu corpo. / Quero dar vida ao noso amor, vida».

* Fran Bouso é profesor e escritor natural de Mondoñedo.