«A intriga está en situacións cotiás»

La Voz

SANTIAGO

Sandra Alonso

A autora explica que apostou pola temática de terror para probar, «porque é unha maneira de medrar como escritora»

21 ene 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A escritora María Canosa presentou onte na libraría Lila de Lilith o seu último libro, Cando cae a luz (Urco Editora), que inclúe trece relatos de terror.

-¿Por que a aposta pola temática de terror?

-Sempre ando probando cousas novas, que é unha maneira de probarme a min mesma, para ver ata onde podo chegar, para experimentar. Ás veces, se non probas, non sabes que che achega, que sensacións che reporta. Entón, tiña ideas dende hai tempo para algún relato e fun apañando outras. Facer cousas diferentes é unha maneira de medrar como escritora.

-Di que o fixo por probar, ¿como se sentiu finalmente neste xénero?

-De pequena si que recordo ler moito nese xénero e tamén escribira algún relato, entón foi dicir: «¿Por que non seguir facendo algo disto? ¿Por que o abandonei completamente?». Entón, ao principio, custoume arrancar, pero despois cando tes o motor quente vai mellor. Ao principio tiven que adaptarme ao vocabulario e, sobre todo, a crear os escenarios.

-Son trece relatos de temática moi diversa, sen relación uns con outros.

-Non teñen nada que ver, pero o fío condutor que intentei facer foi poñelos en situacións cotiás. O distinto deste libro, o que chama un pouco máis de atención, e o que nos afecta un pouco máis cando estamos lendo, é que son situacións cotiás, do traballo, da casa, de nais, de nenos adolescentes que saen do seu colexio. Son situacións que vivimos todos calquera día normal, que foi o que busquei e era o punto singular. Xa que non había un personaxe común nin un escenario igual, entón, o fío condutor é a cotidaniedade deles, que son situacións habituais en nós. Moita xente que o leu dicíame que o que máis lle asustaba na intriga era que se vía que lle podía pasar a calquera nun día normal.

-Este supuxo o seu sexto libro publicado no 2016.

-Si, seis como autora e dous máis como coautora.

-¿Vai seguir este ritmo neste ano 2017?

-É moi complicado. Sei que haberá algún título neste ano, máis de un. Isto non significa que escribise os oito no ano, senón que hai unha conxunción de casualidades e causalidades que fixeron que coincidiran. Pero ameazo con seguir facéndoo, non todos os anos, pero si.

-Houbo combinación de xéneros, ¿iso non supón unha dificultade engadida?

-Isto custa e axuda. A sorte que tiven este ano é que ningún libro se pisaba a outro: non había do mesmo xénero, do mesmo estilo, senón que se complementaron todos. Houbo libros sobre ciencia, sobre bos modais... É complicado, porque é cambiar de rexistro, que é como quitar unha pucha e poñer outra, entón, tes que deixar un pouco de tempo entre un e outro para adaptarte ao que vas facer, pensalo ben e crear a atmosfera. Pero, por outra parte, tamén é moi bo, porque che axuda a desconectar, entón, non vas contaminar unha historia con outra, aínda que che custe ao principio, despois é certo que contamina menos, e é máis sinxelo facelo. Iso supoño que tamén depende do xeito de escribir de cada persoa. A min tamén me axuda a desconectar do libro anterior, porque cústame facelo e é un xeito de cortar o cordón umbilical.

-¿Cal vai ser o próximo?

-Non sei cal será primeiro. Hai un libro que vai saír en Xerais, unha novela infantil-xuvenil, e tamén hai un álbum ilustrado, con bastante texto, que sairá na editorial Bululú. E vai saír outro a catro mans.

-E segue escribindo, ¿non?.

-Sempre teño algo entre mans. Se non estou escribindo, estou dándolle voltas á cabeza. Ás veces, as historias pasan máis tempo dentro da miña cabeza que o tempo que me leva escribilas. Ando sempre co meu caderno.