Os británicos e as súas pequenas historias

La Voz

FUGAS

cedida

Unha novela ideada e escrita a catro mans pola editora e libreira estadounidense Mary Ann Shaffer (1934-2008) e pola súa sobriña, a escritora Annie Barrows (California, 1962).

26 ene 2017 . Actualizado a las 18:18 h.

Unha escritora chamada Juliet Ashton, coñecida por ser autora dunha serie de crónicas publicadas nun xornal londiniense ao longo da guerra mundial baixo o pseudónimo de Izzy Bickerstaff, recibe unha carta dunha persoa que di ser co-fundador dunha sorte de club de lectura bautizado cun nome un tanto estraño: a Sociedade literaria e do pastel de pel de pataca de Guernsey. Este vén ser o punto de partida dunha novela publicada orixinalmente en inglés hai oito anos. Esta proposta narrativa testemuña como é posible desenvolver, sen monotonía, un argumento a través dun recurso único como é o epistolar.

Faise así e faise con indubidable éxito: tanto que o ano vindeiro xa se estreará unha adaptación cinematográfica deste libro, dirixida por Mike Newell baixo o título de Guernsey. A estrutura do libro, tan milimetricamente deseñada, posibilita con naturalidade que sexan as propias palabras das persoas que escriben as cartas as que van revelando, con enorme plasticidade e sen esquecer a introdución de numerosas doses de ironía e humor, moitas cuestións, entre elas as que teñen que ver co valor liberador da lectura ou coa cadea infinita de descubertas que pode provocar un libro.

A sociedade literaria... sitúase, así pois, nunha época en que as cicatrices que provocou a ocupación alemá están aínda recentes pois o espazo fundamental que reclama protagonismo aquí é Guernsey: unha illa do Canal da Mancha que resultou ocupada polos alemáns como plataforma precisa para acometer a devecida ocupación da Gran Bretaña.

Con este pano de fondo tamén se recrean asuntos de índole metaliteraria como os xa apuntados ou os que reparan no proceso de xestación da escrita de ficción ou o papel que debe desenvolver un editor, sobre todo cando é amigo da autora.

Mais non se esquecen outros que teñen que ver coa propia condición humana como o valor da amizade, o medo que por veces atenaza as vidas ou ese zigzag que deseñan os sentimentos, en tantas ocasións inexplicablemente.