Tomates para Letizia

Fran Bouso OUTRA MIRADA

A MARIÑA

05 oct 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Onte Mondoñedo, concretamente a avenida das San Lucas, encheuse de xente para recibir á raíña Letizia. Foi moita a expectación xurdida nos últimos días en toda a antiga provincia de Mondoñedo e arredores desde que comezou a circular primeiro o rumor e despois a nova da visita real á Cidade da Paula.

Para os mindonienses de toda condición, e para todos os que estudamos no Instituto San Rosendo aínda máis, é un orgullo que fose elixido este centro educativo para o acto de inauguración oficial do curso escolar na formación profesional.

Eu, por motivos laborais non tiven ocasión de achegarme onte ás proximidades do IES San Rosendo, pero ao longo da mañá recibín no meu whastapp ou por outros medios máis de cen fotografías do acto, polo que puiden contemplar á protagonista desde tódolos ángulos (ou desde case todos), por certo levaba a manicura moi ben feita e un estilismo perfecto.

Comentoume un amigo que nada máis baixarse do coche que a trasladou desde o campo de fútbol “Viñas da Veiga” ata a porta do centro educativo comezou a saudar ao público presente cun “bos días”.

Impresións e agasallos

Seguro que Letizia leva unha moi boa impresión de Mondoñedo e das súas xentes, non é para menos pois a paisaxe é fermosa e a paisanaxe encantadora, ademais con case total seguridade puido apreciar moi ben o bo facer do profesorado e persoal non docente que día a día traballa no instituto que comezou sendo laboral, pasou por instituto de bacharelato e agora é IES (igual ata se me escapa algunha outra denominación que tivo nalgún momento).

Ademais de recordos na súa memoria, leva dona Letizia agasallos ben singulares da súa visita á Cidade do Masma: unha torta que pinta na súa cara a policromía do rosetón da catedral (eu agallasaríaa con tres no canto dunha, así tería onde escoller), tamén unha reprodución en cerámica de Sargadelos do monumento mindoniense Patrimonio da Humanidade e uns tomates. Os tomates, como sexan de tan boa calidade -que o serán- como os que me regalou o meu amigo Xulio Rodríguez este verán vai querer que, día si e día tamén, á súa casa cheguen froitos vermellos da horta mindoniense.

Pois ben, xa temos escrito no caderno da historia de Mondoñedo unha nova visita dun membro da monarquía.

Lembraríase alguén de gardar xa a vaixela que empregou en Mondoñedo?