Ramón Nicolás: «O universo vital de Hildegarda von Bingen é formidable»

Xesús Fraga
xesús fraga REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

CAPOTILLO

O escritor debuta na novela cunha obra na que a mística alemá se escribe cunha abadesa de Celanova

09 jun 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

A fascinación pola Idade Media ten dado obras literarias senlleiras. O crítico literario de La Voz Ramón Nicolás (Vigo, 1966) sitúase nese ronsel no seu debut novelístico con O espello do mundo (Xerais), no que recrea dende o presente a vida nun convento preto de Celanova, onde unha das súas monxas mantén unha relación epistolar coa gran mística Hildegarda von Bingen.

-Unha das liñas argumentais da novela xira arredor da vida nun mosteiro preto de Celanova na Idade Media. ¿De onde veu esta trama e como se documentou?

-A inspiración chegou ao descubrir a inexistencia dos restos dun convento feminino en San Pedro de Ramirás, nas Terras de Celanova, isto é, nada fóra da igrexa principal, o que entendín como unha metáfora. Dun xeito casual souben que alí existira unha comunidade relixiosa feminina, rexida por abadesas chamadas onas, o que supuña tamén unha peculiaridade lingüística única. Aquelas mulleres chegaron a ostentar un poder extraordinario na baixa Idade Media e aquela parte da historia foi interesándome aos poucos. Nese sentido, o proceso de documentación foi, loxicamente, demorado e, ademais doutras fontes, tiven a sorte de consultar a colección diplomática dos textos conservados do mosteiro: neles latexa, dalgún xeito, o día a día do convento.

-Unha das presenzas máis poderosas é a de Hildegarda von Bingen a través dunhas cartas...

-En efecto, parte da novela discorre en forma epistolar entre unha ona do convento ourensán e Hildegarda von Bingen, e entre ambas as dúas xéranse moitas complicidades. O universo vital e intelectual desta última, sobre o que xa se escribiu moito, é algo formidable para calquera narrador. As cartas son ficción, loxicamente, mais resultárome operativas para espellar as inquedanzas, proxectos e algunhas das claves da concepción do mundo da chamada Sibila do Rin. Unha primeira persoa facilitaría, así, achegar ese universo aos nosos días, respectando as peculiaridades expresivas da época.

-Xa é un tópico superado o da Idade Media como idade escura, senón como un tempo de gran actividade cultural. ¿Que lle atraía deste período para ofrecer unha visión nova? ¿Quizais a vida monástica feminina e a reivindicación do seu papel?

-En efecto. A novela asume en boa parte eses presupostos e sempre pensei que, fóra dalgunhas propostas que tamén se internaron nese tempo, se cadra brindóuseme a ocasión para rescatar un sistema de organización social, económico, relixioso e, en boa medida, político, protagonizado exclusiva e case soberanamente por mulleres. Asomarse a esa realidade desde a ficción pode resituar certos lugares comúns e axudar a derrubar prexuízos.

-A alternancia de planos temporais, pasado e presente, ¿é unha forma de dicir que dende o noso tempo podemos ir alén da natural fascinación por esta época e sacar valiosas leccións?

-En O espello do mundo paira, en certa maneira, esa intención. Os planos temporais superpóñense e ambos os dous avanzan na mesma dirección. Un proceso de investigación que realiza un profesor de historia sobre uns documentos da Idade Media vén ser a desculpa que ofrece a posibilidade de afondar nun tempo moi rico en matices e, por veces, bater con realidades insospeitadas que o tempo se encargou de escurecer.