Franco Grande, homenaxeado en Redondela polo seu dicionario

Luis Carlos Llera Llorente
Luis Carlos Llera REDONDELA

VIGO

Xoán Carlos Gil

Como un «acto de servizo ao país», o avogado e escritor reuniu naquel traballo do ano 1968 40.000 palabras

07 jun 2016 . Actualizado a las 01:34 h.

Humilde, sen darse importancia. Así recibiu onte o avogado e escritor Xosé Luís Franco Grande a homenaxe que se celebrou en Redondela polo seu dicionario de galego do ano 1968, todo un referente no ensino e no coñecemento do idioma. «Foi un acto de servizo ao país e de fidelidade a uns amigos [en alusión aos responsables da editorial Galaxia]», aduciu o agasallado. O evento foi organizado pola fundación Peña Novo, que dirixe Xosé González, e contou co apoio do Concello redondelán, a Real Academia Galega, a Xunta e a Deputación de Pontevedra. O presidente da Academia, Xesús Alonso Montero, cualificou de «histórico» o dicionario e subliñou o papel clave do selo Galaxia polo seu compromiso co país. Franco Grande recordou como tardou «uns meses» en elaborar o dicionario porque había présa para que estivese publicado antes de que entrase en vigor a Ley de Educación do ano 1970.

A noticia da norma que se xestaba en Madrid para o ensino das linguas vernáculas chegou ás cabezas pensantes de Galaxia: Xaime Illa Couto, Ramón Piñeiro e Fernández del Riego. Foron quen lle encargaron a Franco Grande a elaboración do traballo. Para iso el baseouse en obras anteriores, pero incorporou vocábulos novos recolleitos na súa terra de Tebra e en diversas obras literarias. Logo, nunha segunda versión, aumentou as entradas en 10.000 palabras máis. Así, o escritor e académico reuniu daquela 40.000 voces, de cada unha das cales fixo unha ficha que gardaba en caixas de cartón porque «entón só había computadores nos bancos».

Como agradecemento, o Concello de Redondela descubriu onte un monólito.