A primeira Gala do Libro Galego entregou onte en Santiago os seus galardóns

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

XOÁN A. SOLER

A Libraría Pedreira e a editorial Laiovento recibiron premios honoríficos

15 may 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O Teatro Principal de Santiago acolleu onte a primeira Gala do Libro Galego, organizada pola Asociación de Escritores, o colectivo de editores galegos e a Federación de Librarías de Galicia. Esta convocatoria suma os tres galardóns que dende hai anos organizaban por separado cada unha destas entidades. No transcurso da gala, presentada por Camilo Franco, ademais da distinción a Gimferrer, outorgáronse galardóns honoríficos á Libraría Pedreira e á editorial Laiovento; actuou Áureas, un conxunto de música e teatro.

Xunto con estes apartados, convocáranse premios en once categorías. A mellor obra de ensaio foi Poesía Hexágono. Ollada e experiencia. Proposta e resposta nas aulas, de varios autores, mentres que en narrativa resultou elixida O último día de Terranova, de Manuel Rivas . A mellor obra infantil e xuvenil resultou ser O meu pesadelo favorito, de María Solar. Xosé Cobas foi o gañador no apartado de libro ilustrado con Cadros dunha exposición. Modest Mussogorsky. A mellor iniciativa bibliográfica recaeu en Lendo lendas digo versos, de Antonio G. Teijeiro e Antonio Reigosa, mentres que a iniciativa cultural foi para Espazo Lectura, de Gondomar. A tradución tamén tivo o seu premio, que desta vez recaeu en Alejandro Tobar pola súa versión de Mocidade, de Conrad; o de poesía foi para María Lado, con oso, mamá, si?, e o de teatro, Xogando con gatos, de Antón Cortizas. O mellor proxecto literario na Rede, a xuízo do xurado, foi Poetic@, de Fran Alonso, que tamén escolleu no apartado de xornalismo cultural a Sermos Galiza.

Premios de Carral e Arteixo

Non foron os únicos premios literarios fallados onte. O Concello de Carral deu a coñecer o fallo do galardón que leva o seu nome. O gañador foi Modesto Fraga coa obra Devalar sen pel, da que o xurado destacou «que xoga coas tradicións, tensionando moi ben o texto e sabendo darlle aire nos momentos oportunos». O autor recibirá 2.500 euros e o seu libro será publicado por Espiral Maior.

Tamén o Concello de Arteixo fallou o certame de narracións Manuel Murguía, que outorgou tres premios. O primeiro foi para Hai patios de luces tristes, de Diego Giráldez; recibirá 4.000 euros. O segundo, dotado con 500, foi para Carlos Quiroga e O mérito da chuva, mentres que o terceiro, de 300, foi para A aranha de Sydney, de José António Lozano.