Un fito histórico na produción bibliográfica do 36

xerardo agrafoxo

BARBANZA

29 abr 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Existe moita bibliografía sobre a Guerra Civil. Basicamente, trátase de libros sobre figuras políticas ou episodios bélicos. Pero son menos frecuentes as publicacións onde as mulleres son protagonistas daquel drama histórico. Este libro de Montse Fajardo (Vilagarcía, 1973) semella unha excelente oportunidade para cubrir este baleiro documental. Nestas dezaseis estarrecedoras historias, varias mulleres contan as súas vivencias a partir do golpe militar de 1936.

Grazas á paixón desta xornalista, sabemos da vida dunhas mulleres que coñeceron a fame e o frío, o terror do fascismo e o sentimento da derrota. Tamén vemos como elas afrontaron con dignidade a súa dor e sufrimento. Estes relatos de memoria oral denuncian a represión que sufriron en carne propia, unha represión que semella máis ominosa porque sempre estiveron silenciadas. Primeiro, foron vítimas do medo; despois, da desmemoria.

Por tal motivo, Un cesto de mazás (2015) convértese nun fito histórico dentro da nosa produción bibliográfica sobre o 36. Un libro de lectura imprescindible cando estamos a piques de que se cumpra o 80 aniversario daquela data fatídica.

«Un cesto de mazás»

Montse Fajardo

(Vilagarcía, 2015) 256 páxinas