Historia, literatura e medio ambiente volven a fundirse na revista «Terra de Outes»

ribeira

BARBANZA

Xan García, Mari Paz González, Xosé María Dios, Deolinda Gómez, Lidia Vicente e Ramón Blanco participan na publicación

22 ene 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Librarías de Outes.?1 euro?? Desde hai uns días atópase á venta en Outes un novo número, o 33, da revista Terra de Outes, editada pola asociación do mesmo nome. A publicación segue a estrutura das anteriores, dándolle prioridade a temas como a historia, o medio ambiente e a literatura, aínda que tamén dedica un espazo importante a Adisbismur, en forma de entrevista co seu presidente, Ramón Sestayo.

A historia é un dos temas protagonistas deste novo exemplar de Terra de Outes. Xan García colabora cun novo artigo sobre a xurisdición da Serra no século XVIII, dedicado nesta ocasión aos muíños de río que había naquel entón. Xoán Mariño fai un percorrido polos dez anos de traxectoria da asociación, da que é presidente; mentres que Mingucho Campos conta os detalles dun litixio familiar que tivo lugar hai cen anos.

O medio ambiente chega a este número 33 da pluma de Mari Paz González, que informa sobre os efectos que o outono quente tivo na flora e na fauna da zona; e o doutor Xosé María Dios tenta arroxar luz sobre o dilema dos beneficios ou os prexuízos das vacinas. No apartado literario, Deolinda Gómez colabora cun relato e Lidia Vicente propón unha lectura, A praia dos afogados.

O novo exemplar desta revista, que ten carácter trimestral, complétase con opinión, unha foto antiga do ano 64, novas sobre a asociación e unha sección sobre Francisco Añón a cargo do escritor local Ramón Blanco.