Arantza Portabales debuta na novela cos 31 ganchos directos de «Sobrevivindo»

Patricia Calveiro Iglesias
P. Calveiro SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

ALEXIS REY

Chega ás librarías o relato por entregas que gañou o concurso de verán de La Voz

26 nov 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Arantza Portabales (San Sebastián, 1973) era unha descoñecida no circuíto literario ata hai ben pouco. Curtida no microrrelato dende hai dous anos, e cun primeiro libro deste xénero publicado o pasado mes, debuta agora na novela galega con Sobrevivindo, unha historia composta de 31 capítulos cun gancho directo nos seus finais que atraparon este verán aos lectores de La Voz e gañaron o premio de Novela por Entregas que convoca o xornal.

A escritora recoñeceu no acto de presentación da novela -que chega agora ás librarías publicada por Galaxia- que «cría moito nesta historia e na súa protagonista». Val Valdés, unha muller que se presenta a un programa de terrelealidade do que sae vencedora e rica: «Naceu nun exercicio de escritura, no que se pedía unha personaxe que á súa vez creara a outra personaxe», explicou.

Arredor dela teceu unha trama chea de intriga e de diálogos, que viaxa no tempo ao pasado e ao futuro, capaz de chegar a un público moi heteroxéneo de lectores. «As cousas estremas que lle pasan a Val Valdés son cousas da vida: todo o mundo viu Gran Hermano algunha vez aínda que non o recoñeza, tivo un mozo con 15 anos que non lle gustou á súa nai, ou fixo unha excursión a Madrid na que foi ver o museo do Prado», sinalou Portabales.

A escritora, á que aínda lle custa chamarse como tal, estivo acompañada na presentación da novela polo director de Galaxia, Víctor Freixanes, e o delegado de La Voz en Santiago, Ignacio Carballo. Ambos destacaron o mérito de ter articulado baixo uns parámetros moi concretos, como eran 31 capítulos (un por día) e 3.500 carácteres para cada un deles, unha novela coma esta, «ben construída, que sorprende e engancha en distintos planos temporais», sinalou Carballo. Freixanes falou tamén da tradición do folletín que se recuperou neste certame e celebrou «o osíxeno que introduce» no canal literario unha autora «con futuro» coma Arantza Portabales.

«Nunca crin que podería atopar unha voz literaria en galego, parecíame unha ousadía»

Máis aló do propio mérito da historia, está o de que unha autora que creceu ata os 13 anos no País Vasco, recibindo a metade da súa formación en eúscaro, a escribira en galego. «Nunca crin que podería atopar unha voz literaria en galego, parecíame unha ousadía», admitía Portabales, quen dixo estar orgullosa de telo conseguido, ao tempo que contaba algunha anécdota do ámbito familiar sobre incompatibilidades lingüísticas. «Son castelanpensante, porque soño en castelán», sinalou, aínda que escribe «habitualmente en galego no meu traballo no funcionariado».

Con Sobrevivindo demostrouse a si mesma que «unha persoa que viviu na emigración é quen de rematar unha novela en galego», dixo. Ademais, Portabales recoñeceu o traballo que fixo como ilustrador do libro Juan Carlos Abraldes, tamén presente no acto e que foi quen de crear «unhas imaxes moi ben contextualizadas», incidiu a escritora.