«Tiven que ter as orellas moi abertas para recoller expresións mariñeiras»

LAURA RAMOS CUBA, s. c.

CULTURA

Paco Rivas, filólogo e autor dun diccionario de frases do mar, presenta o próximo luns na Feira do Libro da Coruña dous dos seus novos títulos

31 jul 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Paco Rivas presenta o próximo luns ás 19 horas na Feira do Libro da Coruña dous dos seus novos títulos: Traca Traco, libro-cedé de cantigas de berce, e De punta a chicote, dicionario fraseolóxico mariñeiro, con arredor de 3.500 entradas. Na presentación, xunto a el, estarán Xosé Alonso Montero (presidente da RAG) e F. Fernández Rei, prologuistas de sendos libros, e Cándido Meixido, de Edicións do Cumio.

-Cando xurdiu a idea de elaborar este dicionario?

-A min o mar xa me arrolaba de neno, xusto enfronte da xanela onde eu durmía. Supoño que sempre tiven curiosidade por el, sempre andei con mariñeiros e ao estudar Filoloxía, ves que é un traballo que está por facer. Este é o terceiro dicionario fraseolóxico que publico sobre o tema, así que se trata dun traballo de moitos anos que fun corrixindo e aumentando moito.

-Como foi o proceso de recollida?

-O proceso de recollida é moi difícil comparado coa recollida léxica, por exemplo. Neste caso tes que traballar a pé de porta coas orellas moi abertas. Eu pasaba os veráns con eles, na taberna, xogando ás cartas e apuntando no pano de mesa o que ía escoitando porque xa sabes que os mariñeiros exprésanse como se estiveran no mar. Esta é unha riqueza que aplican absolutamente a todas as facetas da vida. Xeograficamente, movinme pola costa da Mariña lucense, concretamente por Foz, Nois e Burela. Moitos termos e expresións son iguais, pero hai outros que, igual que pasa co léxico da terra, cambia dun sitio a outro. É un síntoma da riqueza léxica.

-Segue igual de viva esta forma de falar?

-Non. Hoxe en día o mariñeiro é menos mariñeiro. Embarcan, métense no camarote, saen para a faena e xa está. Antes ían nos seus botes a remo ata Ribadeo ou Viveiro, levaban as redes, amañaban o aparello se rompía... Agora é un oficio no que está desaparecendo a parte artesanal. Entón, se os hábitos e os materiais desaparecen os nomes tamén o fan. O mesmo que pasou co carro das vacas que ían ao monte.

-Reflíctese a retranca galega nestas expresións?

-Hai moitas frases con humor, mais tamén hai de superstición. Por exemplo, nunca amentan ao raposo ou ao cura antes de embarcar. Refírense a eles como «xa digo» ou «xa me entendes».