«Formar cidadáns lectores require moito traballo»

adriana freire, i.c. SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

Costas insiste en que o fomento da literatura é tamén responsabilidade dos pais, e non só dos centros de ensino

04 jul 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

«O ensino da literatura a debate». É o título da xornada organizada polo Consello da Cultura Galega, a fin de analizar o lugar que ocupa a literatura nos plans de estudo e a forma na que se aborda a ensinanza desta materia. Concha Costas, docente e participante no acto, é tamén presidenta de Espazo Lectura, unha organización non gobernamental fundada para o fomento e a animación á lectura en lingua galega.

-¿Cales son as eivas en materia de ensinanza?

-Ás veces, a ensinanza enfócase demasiado cara á perspectiva máis histórica e menos cara ao achegamento aos propios textos dende un punto de vista crítico e analítico. As propias probas, no caso da selectividade, por exemplo, que é moi historicista, moi memorística, obrígannos aos docentes a darlle un enfoque que non é o que máis nos gustaría. Ten que haber debate, porque formar cidadáns lectores require un traballo moi importante dende os centros educativos.

-Entón, ¿por onde ha de ir o cambio?

-Debemos fomentar un achegamento real aos textos, aos seus autores, e sobre todo á produción literaria que temos nestes momentos. Os autores máis actuais poden, por pura proximidade nos mundos e nos discursos, conectar mellor cos lectores máis novos, aínda que isto non quita que se aborde tamén a tradición literaria. Por outra parte, precisariamos probas menos memorísticas que nos permitirían aos mestres traballar doutra maneira.

-O caso galego merece unha atención especial.

- Tódalas literaturas teñen unha parte de ficción, pero están moi estreitamente vinculadas coa cultura na que nacen esas historias. Moitas veces, por descoñecemento, unha parte da sociedade considera que a literatura galega é inferior. Cando as familias coñecen os libros infantís e xuvenís que se están facendo agora mesmo en Galicia e que se están traducindo para moitísimos países do mundo, dalgunha maneira poñemos en valor a cultura, o país que produce esa literatura.

-¿E cal é o papel das familias?

-Aparte do labor que se fai dende os centros educativos, a sociedade como tal ten que asumir o seu papel de fomento da literatura e de dinamización da lectura, sobre todo a través de actividades encamiñadas aos nenos. É necesario que os pais e nais complementen o traballo que se fai dende a escola e non deleguen nela todo o traballo de educación literaria. A literatura é a ferramenta perfecta para compartir cos fillos o gusto pola lectura e crear lazos.