Haberá outras citas coas letras en Noia, Boiro, Santa Uxía e Rianxo
28 may 2015 . Actualizado a las 05:00 h.Completo se presenta o cartel de citas literarias para este fin de semana en Barbanza. Entre as máis destacadas atópase a que, como cada último venres de mes, convoca a asociación Barbantia. Nesta ocasión, o colectivo cultural convidou a Gonzalo Hermo, que falará no Curral do Marqués de Celebración, o seu segundo poemario. Trátase do primeiro volume editado por Apiario, o proxecto impulsado por Dores Tembrás e Antía Otero, que participará no acto. É unha obra que, segundo o propio autor, sitúase no tránsito, na aceptación do paso do tempo, na reacción do corpo ante o frío.
Na presentación, que coindice coa saída á ruda dun novo número, o 105, do suplemento A Voz de Barbantia, está prevista a presenza do rexedor rianxeiro, Adolfo Muíños, do poeta Antón Blanco e da música Olalla Cociña.
Tamén en Rianxo, aínda que no auditorio, o sábado haberá cita coas letras. A escritora Mariña Pérez achégase ata o berce de Castelao para falar do seu poemario Boca de gárgola. Estarán presentes o rexedor local e o fotógrafo Martín Pérez Fernández.
Pedro Feijoo será o protagonista do acto literario que convocou para hoxe o Clube de Lectura de Ribeira. O escritor desembarcará no Ateneo Valle-Inclán coa súa novela policíaca escrita en galego A memoria da choiva.
Mañá, día forte literariamente falando, coincidirán coa cita de Barbantia outras dúas en Boiro e Noia. No Espazo Lector da primeira localidade, Juan J. Prieto falará de La primera meiga, volume no que se conta a historia de María Soliño. Na casa de cultura noiesa, da man da Lanzadeira de Alcor, recalará Marta Dacosta, disposta a charlar cos afeccionados á literatura sobre o seu poemario Dun lago escuro.
Curral do Marqués (Taragoña)
Día: Mañá
Horario: 20.30 horas
Ateneo Valle-Inclán (Ribeira)
Día: Hoxe
Horario: 20.30 horas
Espazo Lector Nobel (Boiro)
Día: Mañá
Horario: 20.30 horas
Casa de cultura de Noia
Día: Mañá
Horario: 21.00 horas
Auditorio de Rianxo
Día: Sábado
Horario: 20.30 horas