Agra sofre os rigores da literatura infantil en «Cor animal»

BARBANZA

MARCOS CREO

O noiés aporta a parte escrita a un volume ilustrado por Maya Hanish

26 abr 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Se vas á estrea dun libro no que o presentador é Agustín Agra estás condenado a lelo, sexa da súa autoría ou doutro creador. O noiés mergúllase na obra e no autor, cando fala doutros, e reforza a posta en escena incluso poñendo todos os libros, ou moitos deles, do protagonista enriba da mesa. Non fai o mesmo se o volume é propio, porque o mesmo Agra pon de manifesto certa timidez e unha enorme modestia cando confesa, como antonte, que sempre se pon nervioso se ten que intervir en escenarios tan concorridos como a Casa de Cultura de Noia, e máis aínda «cando vexo entrar a miña nai pola porta», como sucedeu.

O acto mensual da Asociación Cultural Barbantia volveu ter a Noia como talismán infalible, e un asistente de excepción, o alcalde, Rafael García Guerrero, quen pediu desculpas por no acudir habitualmente, ausencia xustificada porque os últimos venres de mes coincide co pleno ordinario, agás antonte, que se adiantou pola celebración do San Marcos. O rexedor, que non se presenta á reelección, lanzou un dardo sinalando que encontros como o de Barbantia non son actos electorais encubertos, coma a celebración dunha feira «nun mercado novo», e porque a cultura «non lle interesa» a determinadas formacións. Non se esqueceu de expresar o seu orgullo e agradecemento, tanto a Agra como a Barbantia, por axudar a facer de Noia un referente cultural.

Interesante experiencia

A continuación, primeiro Xulio Gutiérrez, en representación da editorial Kalandraka para a que colabora, e logo Agustín Agra falaron do seu libro, unha xoia que mestura bioloxía e literatura infantil arredor de trinta especies animais de todo o mundo. Especialmente interesante foi a experiencia contada polo escrito noiés e ratificada polo mestre afincado en Boiro, sobre o difícil que é facer literatura infantil, que obriga, segundo Agra, a evitar metáforas, frases subordinadas e limitar o emprego de palabras que dificulten a comprensión por parte dos cativos, máis no caso de Cor animal, publicación para nenos de 3-4 anos, e iso a pesares de que Agra é licenciado en Bioloxía e contrastado escritor.

No exercicio de modestia que sempre caracteriza a Agustín Agra, sinalou que o 70% da obra é mérito da ilustradora, a chilena Maya Hanish, e o 30%, que debía ser seu, repartiuno entre el e mais aqueles que participaron na edición, entre eles o propio Xulio Gutiérrez, pero o certo é que o traballo de reducir a tres ou catro frases un texto de oitenta palabras de cada animal, e que o entendan os nenos, pódese considerar un milagre, seu.