Pardiñas, poesía e rock bravú

Xosé María Palacios / Suso Pena GUITIRIZ

LUGO

FOTO SUSO

Dúas exposicións inspiradas en Díaz Castro foron o contrapunto aos concertos

05 ago 2014 . Actualizado a las 00:57 h.

Unha vez de volta en Guitiriz, onde pasou os derradeiros anos da súa vida, Xosé María Díaz Castro converteuse en fiel espectador do festival de Pardiñas. Alí coñeceu escritores máis novos ca el e un ambiente no que sentiu a gusto, como lembra Alfonso Blanco, amigo seu e coordenador de Xermolos, asociación que organiza o festival. No ano no que o autor de Nimbos está a acadar protagonismo porque se cumpriu un século do seu nacemento e porque se lle dedicou o Día das Letras Galegas, non resulta raro que a pegada de Díaz Castro estea aínda máis presente: dúas exposicións (unha de fotografías tiradas en lugares vencellados co poeta, con coordenación de Vari Caramé, e outra de traballos de varios artistas que se inspiraron no escritor) amosaron esa presenza sen que faltase, xaora, a música.

Nomes como Os Diplomáticos de Monte Alto ou A Quenlla reflectiron que o festival, que rematou esta madrugada, mantivo a calidade sen rexeitar, como xa ocorreu outros anos, a presenza de estilos diversos. Non faltou tampouco a cita coa palabra, e a pregoeira deste ano foi a profesora Pilar García Negro. Milleiros de persoas acudiron un ano máis, coa fidelidade dunha cita irrenunciable, a Guitiriz. A Xermolos tócalle agora un xusto lecer, sen esquecer que moitos xa pensan no festival do 2015.