Imagen:

Publican a primeira antoloxía en inglés da literatura galega

Galaxia e Xerais coeditan un volume que inclúe todos os xéneros, entre eles a narrativa oral e o ensaio


santiago/la voz.

Oitocentos anos de galego son os que recolle a primeira antoloxía da literatura do país publicada en inglés, que será presentada o vindeiro 5 de xuño por Cultura en edición conxunta de Galaxia e mais Xerais. Oitocentos anos de literatura galega cun amplísimo percorrido por todos os xéneros e autores, un camiño que comeza en 1196 e remata en 1981.

Esas datas non son casuais segundo o principal responsable desta antoloxía, o editor e tradutor inglés Jonathan Dunne. A primeira corresponde ao primeiro documento en galego-portugués que se conserva e a última é a data do Estatuto de Autonomía de Galicia.

Dunne explica que nesta Anthology of Galician Literature entran non só todos os autores, senón tamén todos os xéneros, «da literatura de tradición oral, da literatura dramática e do ensaio xunto con poesía e narrativa de ficción». O proceso de elaboración desta antoloxía, que inclúe as versións orixinais en galego, comezou no ano 1997, cando Dunne pensou que sería «moi interesante para a xente con interese na cultura galega ter acceso a títulos fundamentais en galego». «Polo tanto fixen unha lista [que figura como o apéndice I da antoloxía] de todos aqueles xéneros (como a cantiga de amigo), autores (como Ramón Otero Pedrayo ou Eduardo Blanco Amor) e libros (como Follas novas ou Cousas) que consideraba que tiñan que estar representados nunha antoloxía histórica da literatura galega».

O segundo paso para elaborar a antoloxía foi, segundo explica Dunne, contactar con «55 antólogos, escritores e especialistas galegos con especial interese en cada xénero, autor ou libro, para que eles fixesen a escolma do propio texto». Entre quen participou nesa escolma están autores como José Ángel Valente, Antonio Fraguas Fraguas, Isaac Díaz Pardo, Xesús Alonso Montero, Manuel María, Antón Risco, Carlos Casares e mesmo hai autores (Ferrín, Novoneyra, Neira Vilas e Queizán) que se auto-escolmaron.

Dunne, o tradutor ao inglés de Manuel Rivas, explica que esta antoloxía supón «unha visión da historia da literatura galega feita dende dentro». Neste sentido, o editor e tradutor explica que esta obra «sitúa ao lector xeral no contexto da cultura galega. Están todos os grandes nomes, as grandes obras». Sinala que, con todo, sería necesario un segundo volume que, coas mesmas características, contase a contemporaneidade das letras en Galicia. «Esta antoloxía deixa ao lector nas portas da contemporaneidade», sinala antes de engadir que nun volume «entre 1981 e 2011 xa podemos prestar atención aos autores contemporáneos, que serán de moito interese para os editores estranxeiros». O editor inglés apunta que a difusión do galego no mundo anglosaxón estivo moi centrada no universitario e apunta outra necesidade: «Fíxose moi pouco para promocionar a cultura galega no ámbito anglófono. Os autores galegos non son coñecidos fóra do ámbito hispánico, agás excepcións, como Manuel Rivas».

Votación
11 votos
Etiquetas
Literatura Arte Manuel Rivas Isaac Díaz Pardo Carlos Casares Manuel María Eduardo Blanco Amor José Ángel Valente Literatura galega Xesús Alonso Montero