Día das Letras Galegas 2002, Frei Martín Sarmiento

Héctor M. Silveiro Fernández

PONTEVEDRA CIUDAD

14 may 2012 . Actualizado a las 19:31 h.

No ano 2002 a Academia celebraba o Día das Letras por vez primeira fóra da Galicia administrativa, foi en Vilafranca do Bierzo e na honra de Martín Sarmiento. A pesar de vivir en tempos escuros nos que se deixara de escribir en galego, foi co galego co que se criou en Pontevedra e só cando partiu a Madrid para ingresar como frade bieito abriu as súas perspectivas a outras linguas e materias. Sendo xa un prestixioso erudito na corte, tras das viaxes a Galicia, Sarmiento emprende un labor entregado e centrado na lingua que mamara e no estudo do seu Reino. É o Pai das Letras non só por ser o noso primeiro filólogo, senón por ser o escritor que inicia unha nova etapa da literatura galega, a do Rexurdimento. Un autor referente tanto para Pintos, na Boa Vila onde Sarmiento se criara, como para Morales, na súa terra natal do Bierzo. Un modelo que logo atoparemos na obra de Rosalía ou de Curros. Sarmiento é memoria do pasado ao investigar a orixe do galego, conciencia do presente non deixándose abafar por un contexto castelanizante contrario ao idioma dos seus humildes compatriotas, e un proxecto de futuro (soña Galicia) como precursor do Rexurdimento. Soños que chegan ao presente, mesmo ao Bierzo que naquel 2002 comezou a estudar galego nas escolas, unha das súas demandas máis destacadas.

* Obra

-Colección de voces y frases gallegas, 1970 [edición de J. L. Pensado]

-Coloquio de vintecatro galegos rústicos, 1995 [edición de R. Mariño Paz]

Frei Martín Sarmiento

*Vilafranca do Bierzo, 1695

*Madrid, 1772