Día das Letras Galegas 2001, Eladio Rodríguez González

Manuel González González

OURENSE CIUDAD

14 may 2012 . Actualizado a las 19:31 h.

Natural de San Clodio, de berce humilde, foi un home que se forxou a si mesmo, a base de esforzo e traballo. Académico da RAG entre 1905 e 1949, cóntase entre os seus fundadores, e desempeñou nela os cargos de secretario (1920-1926) e presidente (1926-1934). Formou parte da Irmandade dos Amigos da Fala da Coruña, coa que rompe no ano 1923, e foi un dos dez redactores do Estatuto de Autonomía (1932) plebiscitado polos galegos o 28 de xuño de 1936. As súas grandes paixóns eran a lexicografía e a poesía. Polo 1910 comeza a recoller materiais para o seu Dicionario enciclopédico, no que, á parte do significado das palabras, ofrece unha información preciosa sobre o refraneiro, a etnografía, a visión do mundo, as crenzas e, en xeral, sobre a vida das xentes de Galicia. En decembro de 1933 o Concello da Coruña adquire o compromiso da publicación desta obra, pero non se levou a cabo. Houbo que esperar ata os anos 1958-1961, morto xa Eladio, para ver impreso este dicionario transcendental, grazas sobre todo ao esforzo de Fernández del Riego e da editorial Galaxia, e á axuda económica da Casa de Galicia de Caracas. É autor de tres obras de poesía, á parte dun número significativo de poemas publicados en O Tío Marcos da Portela ou A Nosa Terra. Oraciós campesiñas é sen dúbida a obra de maior valor literario, cun léxico enxebre e rico, na que mostra un lirismo san, cun fondo sentimento da paisaxe, da terra e da vida da aldea.

* Obra

-Folerpas, 1894

-Raza e terra, 1922

-Oraciós campesiñas, 1927

-Diccionario enciclopédico gallego-castellano, 1958-1961

Eladio Rodríguez González

*Leiro, Ourense, 1864

*A Coruña, 1949