Día das Letras Galegas 1998, Martín Codax, Xoán de Cangas e Mendiño

Ramón Lorenzo Vázquez

VIGO CIUDAD

14 may 2012 . Actualizado a las 19:32 h.

Martín Codax, Mendiño e Xoán de Cangas son tres xograres do século XIII orixinarios da ría de Vigo, pois sitúan os seus poemas, respectivamente, en Vigo, na illa de San Simón e preto de Cangas. Aínda que só se conservan deles once cantigas de amigo, a de Mendiño e as de Martín Codax son das máis logradas e fermosas de toda a lírica trobadoresca. Trátase de cantigas de temática moi semellante, nas que a namorada expresa as súas inquedanzas e o desexo de verse co amigo ou de que este chegue á igrexa ou á ermida situadas á beira do mar. Por iso foron consideradas como cantigas de romaría. A famosa cantiga que se conserva de Mendiño é a máis dramática, pois a namorada atópase soa na illa, cercada polas ondas, desesperada e con medo de morrer. Nas tres de X. de Cangas a namorada rógalle á nai que a deixe ir a San Mamede do Mar para ve-lo amigo, que non aparece e por iso ela lle pide que non lle volva mentir. As sete de M. Codax forman case un ciclo pechado arredor da igrexa de Vigo xunto ó mar: a namorada pregúntalle ás ondas se viron o amigo, sabe que vén e dille á nai que o irá ver, pídelle á irmá ou a tódalas namoradas que a acompañen á igrexa para ve-las ondas e atoparse con el, chora porque o amigo non está con ela ou pregúntalle ás ondas por que el tarda tanto. Nestas sete composicións o xograr mostra unha capacidade poética extraordinaria e ademais tivémo-la sorte de que nun dos manuscritos se conserve a notación musical para ser cantadas.

* Obra

-Cantigas de amigo

Martín Codax, Xoán de Cangas e Mendiño

*Ría de Vigo, século XIII