Día das Letras Galegas 1982, Luís Amado Carballo

Xoán Babarro González

PONTEVEDRA CIUDAD

14 may 2012 . Actualizado a las 19:37 h.

O vangardista pontevedrés brilla con luz propia entre os coetáneos da xeración de 1925. Mergullármonos nas imaxes dos seus versos é coma sentírmonos compoñendo unha acuarela mental viva e cambiante. Nesa pintura íntima, o silencio pérdese de noite nas rúas molladas, o tempo detense entre as montañas, os luceiros caen como acios de albariño, o cantar do arrieiro esvara polo camiño das estrelas e as casas baixan a beber á ría. Toda a cidade pesca á ardora e a lúa foxe pola auga coma un peixe, malia que aló arriba sexa unha velliña envolveita en néboas. Con elas vén o mar chamar ás portas e pedir unha esmola de amor para a nosa patria. As dornas dormen soñando illas, nos ollos do mariñeiro devalan os lonxes e o faro fai de lazariño dos barcos. Pasan as horas e o galo ábrelle as portas ao día. Os campos fuman opio, os paxaros casan na catedral do abrente, o rego toca a zanfona, o vieiro pasa peregrino, os camiños abrázanse ao cruceiro, o piñeiro é un globo que quere voar, o cantar da laverca brinca coma un chafarís e as badaladas rebuldan entre xílgaros e merlos. Resulta tan vizoso o seu imaxinismo, que todo amante da paisaxe debería ter a Amado Carballo como autor de cabeceira.

* Obra

-Maliaxe, 1922

-Os probes de Deus, 1925

-Proel, 1927

-O galo, 1928

Luís Amado Carballo

*Pontevedra, 1901

*Pontevedra, 1927