Día das Letras Galegas 1970, Marcial Valladares Núñez

Antón Santamarina Fernández

A ESTRADA

14 may 2012 . Actualizado a las 19:43 h.

Natural de Berres (A Estrada), no Santiago dos anos 1840 coincide con outros estudantes (entre eles Añón e Faraldo) que tomaron Galicia e a súa rexeneración como tema principal das súas actividades intelectuais e políticas; manterían ata a fin dos seus días un «depurado amor á nai patria» plasmado nunha obra perdurable.

Valladares comezou publicando poemas en galego desde 1845 pero o seu renome posterior débese principalmente a outras actividades diferentes das poéticas. A) É o fundador da prosa literaria galega coa súa novela Majina (1870, publicada en 1880). B) É un dos primeiros eruditos galegos en interesarse pola tradición oral, con recolleitas de contos, cantigas e melodías. C) E é tamén un dos poucos ilustrados do pre-Rexurdimento con preocupacións filolóxicas; froito desta vocación é o seu Diccionario gallego-castellano rematado en 1869 pero aparecido en 1884; é o dicionario galego máis moderno e copioso ata a aparición do de Eladio Rodríguez, 75 anos máis tarde; o dicionario completouse uns anos despois cunha gramática. A intención de Valladares non era só a de recoller folclore, léxico e regras gramaticais, senón de concienciar os seus compatriotas do valor do seu patrimonio cultural, e darlles ferramentas coas que mellorar o seu «dialecto», que era un idioma rico e regrado.

* Obra

-Majina, 1880

-Diccionario gallego-castellano, 1884

Marcial Valladares Núñez

*A Estrada, 1821

*A Estrada, 1903