Día das Letras Galegas 1968, Florentino López Alonso Cuevillas

Carlos García Martínez

OURENSE CIUDAD

14 may 2012 . Actualizado a las 19:43 h.

Membro senlleiro do grupo Nós e do Seminario de Estudos Galegos, xeración e entidade que foron basilares na construción da Galicia do século XX. Escritor fino, de estilo áxil e claro, as súas prosas literarias de grande riqueza léxica están penetradas polo seu compromiso co país. Mais serán os seus traballos verbo das orixes da formación histórica de Galicia os que o sitúen como referente na investigación do noso pasado remoto e lle outorguen saliente papel na definición da nosa identidade como pobo diferenciado. O seu labor, reflectido en copiosa bibliografía, encarreirouse a dotar de base científica o estudo da prehistoria de noso, sistematizar os períodos cronolóxicos e secuencias culturais e desvelar a súa complexa etnoxénese. A súa obra, que responde aos paradigmas teóricos da primeira metade do século XX, procurou a presenza dunhas culturas xenuínas, con definida personalidade e nas que salienta, de par de influxos de centro Europa, as afinidades culturais con areas da súa fachada atlántica. A cumprida formación intelectual, o dominio da bibliografía e o traballo de campo, conferíronlle rigor e solidez ás súas publicacións, que puxeron a prehistoria de Galicia no contexto europeo e que lle valeron o recoñecemento dos círculos de investigación e académicos. A subliñar o seu exemplo e defensa do uso do galego como lingua válida na ciencia e no ensaio.

* Obra

-Os oestrimnios, os saefes e a ofiolatría en Galiza, 1929 [xunto con Fermín Bouza Brey]

-La civilización céltica en Galicia, 1953

-Parroquia de Velle, 1951

-Prosas galegas, 1962

Florentino López Alonso Cuevillas

*Ourense, 1886

*Ourense, 1958