Día das Letras Galegas 1967, Manuel Curros Enríquez

A CORUÑA CIUDAD

14 may 2012 . Actualizado a las 19:42 h.

Aínda hoxe asombra que Curros, nos inicios do Rexurdimento, chegase a ser o extraordinario poeta civil que foi, quizais o máis valioso, literariamente, na Europa do XIX e, sen dúbida, o máis consciente e sistemático nese compromiso. Arrincou das cordas da súa insólita e brillante lira contundentes versos de denuncia e, tamén, palabras esperanzadoras que apuntaban ao porvir, porque Curros sentíase vate, vaticinador, profeta de tempos mellores. Tan convencido estaba da misión do poeta que compuxo poemas antolóxicos sobre esa misión en termos que non desaprobarían, bastantes décadas despois, Sartre ou Bertold Brecht. Xa na Introdución do seu primeiro libro proclama: «Falareilles da patria ós desterrados,/ de libertade e redención ós servos». Por tales páxinas foi procesado e condenado en 1880, aínda que os xuíces da Audiencia da Coruña, de mentalidade máis moderna, absolvérono un ano despois. Pero Curros, cidadán xusticeiro e poeta belixerante, non abdicou e seguiu publicando versos anticlericais, cada vez máis mordaces, ata chegar, en 1888, ao Divino sainete, obra impar das nosas Letras no xénero e na excelencia. Foi, non obstante, un poeta plural: costumista, mariánico, intimista? Son pezas excelsas O gueiteiro, A Virxe do Cristal e Na morte de miña nai, entre outras.