Día das Letras Galegas 1963, Rosalía de Castro

Luz Pozo Garza

SANTIAGO CIUDAD

12 may 2012 . Actualizado a las 06:00 h.

Coido que a Negra sombra rosaliana é un poema simbólico, plurirreferente. A negrura, negación da cor, pon desde o primeiro unha nota dramática no texto. Os estudosos do tema tentan, sen conseguilo, atopar un único referente para o termo simbolizado, pero parecen ser excesivas as solucións acadadas: hai angustia no texto. Hai desacougo. Hai converxencia vivencial en forma lírica e dramática. Hai como un pulo confidencial e un contrapunto de encubrimento... Hai, finalmente, unha debilitación da tensión emocionada, que se deixa interpretar como aceptación, mesmo como compracencia. Incluso se chegou a falar dunha certa tendencia ao «masoquismo». De aí que unha gran parte dos lectores identifiquen a insolencia da Sombra coa audacia do poeta Aurelio Aguirre, a figura do célebre poeta social, do que se ten dito que Rosalía estivera namorada... Os sentidos contraditorios do texto lévannos á aceptación da obra de arte máis como catarse que como comunicación. Sobre todo tratándose de temas existenciais que implican sen paliativo á textura máis sensible do ser. Interpretouse a Sombra no sentido dun desalento romántico como a bolboreta negra de Pastor Díaz, na inquedanza dramática da vida. Ou como conciencia existencial: García-Sabell. Como a nada nadizante, que dixo Rof Carballo. Moitos coincidiron en identificar a Sombra rosaliana cunha desacougante lembranza permanente. Gamallo Fierros insiste en recoñecer na Sombra a figura evasiva do pai de Rosalía, como xa tiña apuntado Salvador de Madariaga, quen definitivamente se decanta polo poeta Aurelio Aguirre. Na miña opinión, neste punto deberíase seguir insistindo por varias razóns: entre elas unha moi relevante xa sinalada con insistencia pola crítica: a relación entre os dous significativos poemas: El murmullo de las olas, do poeta Aguirre, e a Negra sombra rosaliana. Relación que interpretamos como estímulo e resposta. Claro que Rosalía supera con moito a súa fonte. O que nos leva a escribir: non che furten, raíña, o impulso das sílabas verbais. A iteración divina que se imprime no nome da Rosa. O tránsito dos números que respiran en flor como o Sar cando nace...

* Obra

-Cantares gallegos, 1863

-Follas novas, 1880

Rosalía de Castro

*Santiago de Compostela, 1837

*Padrón, 1885