O Día das Letras Galegas, unha data reinventada

Os protagonistas lembran, medio século despois, as celebracións daquel primeiro 17 de maio

Valoración Con: 1 estrella 2 estrellas 3 estrellas 4 estrellas 5 estrellas   votos ¡Gracias! Envíando datos... Espere, por favor.
Gustavo Rivas
Gustavo Rivas

«Eu tiven a idea de facer unha festa do libro como a que se fai en conmemoración da morte de Cervantes. Estiven dándolle voltas, remexendo datas e persoas e dei co 17 de maio, que é cando Rosalía firma a dedicatoria de Cantares gallegos a Fernán Caballero, xa que a data exacta da publicación de 1863 non se coñece». Así relataba a La Voz en maio do 2010 o añorado Francisco Fernández del Riego como se lle ocorreu, en plena ditadura, crear o Día das Letras Galegas. En lugar dunha defunción, don Paco, sempre vitalista, preferiu conmemorar un nacemento: o do emblemático poemario de Rosalía, que ese 17 de maio cumpría cen anos.

«O pai do asunto foi don Paco», ratifica o actual presidente da Academia, Xosé Luís Méndez Ferrín, aínda que a proposta presentada ao plenario da RAG o 28 de abril de 1963 viña avalada tamén polos académicos Manuel Gómez Román e Xesús Ferro Couselo, a quen, pasado o tempo, se lle dedicaría o 17 de maio de 1996.

«Interesantísima proposición»

Na acta daquela reunión, que se conserva no arquivo da rúa Tabernas na elegante caligrafía do entonces secretario da Academia, Francisco Vales Villamarín, figura que nese mesmo encontro recibiuse a proposta de nomear académico a Valentín Paz Andrade, o protagonista do vindeiro 17 de maio, para cubrir a vacante polo falecemento do numerario Francisco Vázquez Saco. «O secretario deu a coñecer unha interesantísima proposición», lese no manuscrito, onde se solicitaba «declarar Día das Letras Galegas o 17 de maio de cada ano, a partir do presente. Contaríase así, para o porvir, cunha xornada oficialmente adicada a honrar os nosos libros».

A asemblea aprobou de inmediato a idea e o presidente da Academia, Sebastián Martínez Risco, asumiu o seguinte paso: obter o imprescindible permiso gobernamental. Dada a premura das datas, remitiu o 30 de abril unha carta ao ministro de Información y Turismo, Manuel Fraga Iribarne, coa obrigatoria «súplica a V. E.»: Quen logo sería presidente da Xunta deu unha autorización que hoxe causa certo asombro. «Non é que Fraga Iribarne mostrara daquela especiais simpatías pola cultura galega, pero si que quería dar ao réxime unha aparencia de normalidade, e o Día das Letras formaba parte dese xogo. E, ao mesmo tempo, negáballe a Galaxia o número de rexistro editorial que lle permitiría non pasar pola censura porque a tiñan fichada como entidade desafecta ao réxime», apunta Méndez Ferrín.

Aquel 17 de maio de 1963 un dos actos centrais tivo lugar no Palacio Provincial de Lugo grazas ás xestións do filósofo Celestino Fernández de la Vega, que era secretario do Goberno Civil. Ferrín falou de literatura galega baixo un retrato de Franco e cun xeneral uniformado sentado á mesa. «Pasamos algo de medo, pero o certo é que falamos con liberdade e Alonso Montero incluso analizou a crítica social na poesía de Rosalía», lembra o actual presidente da Academia, que entón era profesor en Lugo.

«Foi todo un pouco improvisado, porque só uns días antes se organizara a xornada, pero o acto de Lugo foi moi bonito e o máis importante da xornada en Galicia porque alí estaba a intelectualidade galeguista», subliña Xesús Alonso Montero, daquela catedrático de instituto na capital lucense. O académico destaca que ademais deles dous no salón coincidiran, entre outros, Ricardo Carballo Calero, María Xosé Queizán, Celestino Fernández de la Vega e Rafael Bares.

«Daquela non había sospeitas sobre o Día das Letras. O primeiro 17 de maio colleunos a todos por sorpresa. Tamén ao réxime. Os problemas empezaron ao ano seguinte, cando a Academia designou a Castelao, que para a ditadura era un autor máis molesto que Rosalía, e entonces si que xa se prohibiron varias conferencias», relata Alonso Montero.

En Santiago houbo o 17 de maio de 1963 unha sesión académica en Fonseca e unha ofrenda floral no monumento a Rosalía da Alameda. Francisco Cerviño, hoxe deputado no Hórreo e académico correspondente, tiña entonces 18 anos e estudaba primeiro de Medicina. «Eramos unhas 70 persoas, contando tamén aos policías. Eramos un grupo de estudantes galeguistas que íamos a unha homenaxe a Rosalía porque daquela o Día das Letras nin sequera sabíamos aínda o que era e, por suposto, non podíamos imaxinar o que chegaría a ser», explica Cerviño.

Regreso a San Amaro

Na Coruña a executiva da Academia desprazouse ata o cemiterio de San Amaro para depositar unha coroa de flores na tumba de Murguía e logo foron a visitar a Gala Murguía de Castro, a última descendente viva da parella de escritores. A foto do acto no camposanto ilustrou a portada de La Voz do 18 de maio. «El Día de las Letras Gallegas fue celebrado ayer con gran solemnidad», rezaba o titular.

Medio século despois, os cinco membros da actual executiva da Academia reuníronse ao pé da tumba de Murguía para repetir a homenaxe de 1963. No cemiterio mariño da Coruña, baixo a luminosa chuvia atlántica, leron na cruz da sepultura unha data. Tamén un 17 de maio, en 1833, naceu Manuel Murguía.