Dúas fervenzas pasan a formar parte da oferta turística de Quiroga

La Voz

QUIROGA

GUILLERMO DÍAZ AIRA

O albergue de Quiroga acaba de incorporar dúas novas rutas turísticas ao seu catálogo: as das fervenzas do río Quiroga na Cruz de Outeiro, de dez e quince metros de altura, respectivamente

25 mar 2015 . Actualizado a las 17:19 h.

O albergue de Quiroga acaba de incorporar ás súas rutas turísticas dúas paraxes naturais singulares que ata agora estaban á marxe deste tipo de actividades. Trátase de dúas fervenzas de especial atractivo paisaxístico que se encontran no río Quiroga na proximidades de Cruz de Outeiro. A pasada fin de semana, os responsables do centro levaron a un grupo de visitantes a coñecer estes espazos, que a partir de agora formarán parte dun percorrido habitual.

Os dous lugares son accesibles desde a estrada que leva da capital municipal á localidade da Seara. Unha delas, a Fervenza da Ola, encóntrase pouco antes de chegar ao núcleo de Cruz de Outeiro. Chegar a pé desde o vial ata este lugar leva cerca de vinte minutos, pero o percorrido presenta actualmente certa dificultade xa que o camiño está parcialmente invadido pola maleza. A segunda fervenza, denominada da Pedriña, está entre Cruz de Outeiro e Vilarbacú. O acceso é máis doado e a camiñada faise aproximadamente en dez minutos.

Tamaño medio

O coordinador do albergue, Guillermo Díaz Aira, sinala que estas fervenzas -de entre dez e quince metros de altura- poden considerarse como de tamaño medio entre as que existen na zona. «As dúas son moi espectaculares e poden ter moito atractivo para os visitantes, sobre todo nas épocas do ano en que o río ten máis caudal», apunta. «Poderían ser interesantes como zonas de baño se non fose porque a auga está demasiado fría», engade. O albergue tamén ten previsto desenvolver máis adiante unha ruta específica dedicada ás fervenzas da Serra do Courel.