Unha aventura fílmica que nace na fervenza de Vieiros

A produtora Amanita Films estréase cunha curtametraxe rodada na Serra do Courel e na Ribeira Sacra


monforte/la voz.

A espectacular fervenza de Vieiros, en Quiroga, serviu o pasado outubro -seguramente por primeira vez na súa historia- de escenario para un filme de ficción. Neste lugar e na parroquia soberina de Doade foron rodadas as escenas exteriores da curtametraxe Esliva , a primeira película da produtora Amanita Films, que está a ser montada actualmente en estudos de Madrid e Barcelona e que quedará terminada a principios do 2011.

A produtora foi creada hai varios meses polo produtor Iván Patiño -quen colaborou no célebre filme Celda 211 - e o seu primo Lois Patiño, que conta xa cunha amplia experiencia como realizador audiovisual e que se encargou da dirección da curtametraxe. O nome da empresa, segundo explica Iván, é unha homenaxe a seu avó, o falecido libreiro e escritor Antón Patiño Regueira, que foi un dos principais impulsores da micoloxía en Galicia.

O financiamento desta primeira aventura cinematográfica foi asumido integramente pola propia produtora. «Era difícil encontrar fondos para unha película deste tipo, porque é unha curtametraxe de ficción experimental, así que decidimos facer un esforzo e financiala nós mesmos sen ningunha axuda», apunta Iván Patiño. A distribución da obra non resultará moi complicada, xa que Lois traballa nunha empresa madrileña que se dedica precisamente a mover este tipo de producións polo circuíto europeo de festivais especializados en curtametraxes e filmes independentes. Os autores tamén queren presentar publicamente o filme nos lugares onde foi rodado, pero aínda non teñen datas concretas para iso.

Votación
3 votos