Uns petróglifos ben visibles, pero descoñecidos

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

PANTÓN

Xunto ao santuario de Augas Santas hai gravados rupestres sen catalogar

10 may 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

No patrimonio arqueolóxico de Pantón non figuraba ata agora un pequeno conxunto de petróglifos que curiosamente se encontra ben á vista nun dos lugares máis visitados do municipio. Os gravados consisten en sete simples círculos -do tipo coñecido como coviñas- praticados nunha pena situada a poucos metros do santuario de Augas Santas, onde se celebra o 8 de setembro unha das romarías máis populares da comarca de Lemos. A rocha que contén os petróglifos, ademais, sostén un cruceiro arredor do cal discorre cada ano a procesión que se celebra durante a romaría.

O arqueólogo monfortino Iván Álvarez Merayo, quen examinou os petróglifos esta semana, apunta que aínda que os gravados non estaban incluídos nos catálogos de patrimonio sen dúbida non pasaron desapercibidos para os habitantes do lugar e para as autoridades eclesiásticas. Ao seu xuízo, todo indica que rocha onde se encontran as insculturas foi asociada deliberadamente ao cerimonial que caracteriza o santuario. «O feito de que se plantase o cruceiro xusto enriba das coviñas e de que a procesión circule ao redor da rocha é o indicio claro dunha cristianización dos petróglifos», apunta. Unha fenda en forma de cruz que foi tallada xunto aos gravados -aínda que isto sucedeu en tempos recentes, a xulgar pola súa feitura-, parece corroborar esta intención de cristianizar o sitio.

O feito está lonxe de ser excepcional, porque en Galicia hai bastantes vestixios arqueológicas das eras megalítica e castrexa que foron vinculados ao culto cristián -engadíndolles cruces, cruceiros ou capelas- para contrarrestar o seu suposto carácter de testemuño dos tempos do paganismo.

O que Iván Álvarez considera moito máis difícil probar ou negar é a posible existencia dunha relación entre os petróglifos e a fonte de augas medicinais que existe xunto ao santuario, vinculada tradicionalmente á romaría.

Figura confusa

A poucos pasos dos petróglifos hai outra talla dun carácter moi diferente que tampouco está inscrita nos inventarios arqueolóxicos. É un relevo de aspecto tosco gravado nun bloque rectangular de granito que actualmente forma parte do muro dunha finca particular situada frente ao santuario. Segundo explican os veciños, a pedra -cuxa procedencia ninguén recorda- estivo durante moito tempo abandonada no chan ata que en certo momento un albanel decidiu aproveitala na construción do referido muro.

O deseño, difícil de interpretar, parece representar unha figura humana rodeada de liñas que poderían simular unha aura. Álvarez descarta que o gravado sexa de orixe castrexa, romana ou incluso medieval. «As liñas non están moi desgastadas e o deseño non se pode identificar con ningún deses períodos», sinala.

En opinión do arqueólogo, o gravado non debe ser outra cousa senón un intento rudimentario de esculpir un motivo de carácter relixioso -talvez a figura dun santo ou unha virxe- levado a cabo por alguén que non tiña coñecementos nin destreza para executar ese traballo. Ao seu parecer, o gravado non debe de ter máis de dous ou tres séculos. «Quen o fixo talvez pretendía tallar algunha figura para adornar a fonte, pero debía ter pouca prática para facer algo así e o que lle saíu foi un deseño burdo no que nin sequera se pode recoñecer o que quixo representar», apunta Álvarez.