Castros que seguen á espera de arqueólogos

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

O SAVIÑAO

No sur lucense hai numerosos asentamentos castrexos de grande interese que nunca foron investigados

23 jun 2016 . Actualizado a las 21:14 h.

O castro de San Lourenzo -na parroquia de Cereixa, na Pobra do Brollón-, onde está proxectado realizar escavacións en agosto, será o terceiro do sur lucense onde se leve a cabo unha intervención arqueolóxica. O segundo foi o de Arxeriz, no Saviñao, onde os traballos comezaron no 2013 e seguen na actualidade. Antes destes dous casos, o único precedente é o do castro da Torre ou de Sobredo, no Courel, onde a mediados dos noventa se efectuaron unhas escavacións e se consolidaron restos de construcións para mostralos aos visitantes. Estas iniciativas están moi lonxe de esgotar as posibilidades de investigación arqueolóxica do patrimonio castrexo da zona.

O arqueólogo Xabier Moure ten contabilizado nada menos que 292 castros entre as comarcas de Lemos, Quiroga e Chantada e o municipio do O Incio. Os territorios municipais que contan cun maior número de asentamentos castrexos coñecidos son os de Quiroga -con corenta-, O Saviñao -con 36- e Chantada, con 33. Os menos numerosos son os de Bóveda, cunha decena, e Ribas de Sil, con nove. Investigar a fondo todos estes antigos asentamentos parece pouco factible, sen contar con que moitos deles están moi deteriorados polos labores agrícolas ou por construcións de diferentes épocas. Pero entre todo este patrimonio destacan algúns casos onde as intervencións arqueolóxicas poderían ser máis recomendables.

O arqueólogo Iván Álvarez Merayo, que participou nas escavacións de Sobredo, sinala que aqueles labores non puxeron ao descuberto máis que unha pequena parte do xacemento e que para extraerlle todo o que pode dar de si habería que traballar moito máis. Pola súa parte, Moure ten aconsellado intervir no castro de Babela, situado na parroquia monfortina de Distriz. Na súa opinión, o lugar é especialmente idóneo para as visitas turísticas pola súa proximidade ao casco urbano e á estrada N-120. Noutros casos, como o de Marce -en Pantón-, os castros encóntranse en paraxes de grande espectacularidade que xa están incluídos actualmente en rutas de sendeirismo.