Manifestación no alto de Formigueiros para esixir o arranxo da estrada do Incio a Samos

La Voz

O INCIO

Carlos Cortés

Perto dun cento de persoas se concentraron esta mañá convocados polo BNG. Entre os manifestantes había veciños dos dous municipios e tamén representantes do PSOE de Samos

26 abr 2015 . Actualizado a las 15:05 h.

A segunda manifestación polo arranxo da estrada LU-651 que comunica O Incio e Samos reuniu esta mañá a perto de cen persoas no alto de Formigueiros, xusto no límite entre estes dous municipios. Igual que a primeira protesta, celebrada a mediados de febreiro, o convocante era o BNG, pero acudiron tamén representantes do PSOE.

Os manifestantes concentráronse ás doce no cruce que leva ao castro de formigueiros. Un cuarto de hora despois recorreron a pé uns cincuenta metros da estrada cara O Incio, precedidos por unha pancarta na que se lía "Arranxo xa e agora. LU-641 'Camino' perigoso". O texto refírese veladamente ao parlamentario do Partido Popular e ex alcalde do Incio Ángel Camino, ao que o BNG acusa de non defender os intereses dos veciños pola negativa do seu partido a reclamar á Xunta que mellore esta estrada.

A protesta rematou despois de que falasen para os concentrados o deputado do BNG no Parlamento de Galicia Cosme Eladio Pombo, natural do Incio, o actual portavoz desta formación política nese Concello, Antonio García, e o que foi o primeiro edil do Bloque nesa corporación, Xosé Ramón Rodríguez Fernández, elixido en 1979. Antonio García recordou que segundo as estatísticas oficiais por esta estrada circulan ao redor de mil coches todos os días. "Pensamos que esta é unha obra prioritaria, porque esta estrada é a entrada de Sarria ao Incio, O Courel e Lóuzara, e utilízana moitos traballadores a diario e no verán e fins de semana os visitantes que veñen cara O Courel".

A ampliación da estrada LU-641 está rematada no tramo que vai da Cruz do Incio ao Val do Mao, neste mesmo municipio. Desde pasado o Val do Mao ata Castroncán, xa en Samos, a estrada segue sendo igual de estreita que antes e ten o firme considerablemente deteriorado. A primeira fase destas obras empezou en marzo do 2011. O conselleiro de Medio Ambiente, Agustín Fernández, visitara O Incio para presentalas e daquela anunciara que as obras do resto da estrada ata Samos empezarían antes de que un ano despois rematase aquela lexislatura. Pero hoxe, catro anos despois, aínda non se sabe nada da continuación do proxecto.