Dúas placas e un libro para pechar en Monforte o ano Manuel María

La Voz

MONFORTE DE LEMOS

CARLOS CORTÉS

O Concello renderá homenaxe permanente a este autor no lugar no que viviu e onde estaba a súa librería

12 oct 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

A Casa da Cultura de Monforte expón desde onte unha mostra divulgativa sobre Manuel María. Trátase da exposición itinerante organizada pola Xunta para conmemorar o ano cultural dedicado a este autor, pero que a Monforte chega enriquecida por unha achega local. Xunto aos paneis que resumen o legado deste poeta nacido en 1929 na Terra Chá, dúas vitrinas amosan case todos os libros que escribiu, a maioría deles durante a súa estancia en Monforte. Na inauguración da exposición e en presenza do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, o alcalde José Tomé aproveitou para confirmar que antes de que remate o ano será reeditado o Cancioneiro de Monforte e que o Concello colocarán placas conmemorativas no lugar no que estaba a librería Xistral e no portal da casa na que viviu a maior parte dos corenta anos que Manuel María pasou en Monforte.

A exposición, titulada «Manuel María, beleza, amor e compromiso», está formada por dez paneis con textos e fotografías, elaborados a partir de material proporcionado pola Fundación Manuel María. Os paneis repasan entre outras cousas a súa vida, a identificación coa terra e a paisaxe ou o compromiso coa lingua dunha obra precursora da actual literatura infantil en galego.

Pero na Casa da Cultura de Monforte, estes datos complétanse cunha segunda exposición de todos os libros de Manuel María que forman parte dos fondos da biblioteca pública, no primeiro andar do mesmo edificio. Na colección están os perto de sesenta poemarios publicados polo autor de Versos para un país de minifundios, cunha única excepción. O único que falta é Camiños de luz e sombra, que contén poemas escritos entre os años 1959 e 1960.

«Unha obra para toda Galicia»

Promovida pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a exposición «Manuel María, beleza, amor e compromiso» pasou desde o mes de maio A Coruña, Outeiro de Rei, Vilalba, Santiago de Compostela, Marín, Noia, Pontevedra e Vigo. Durante a inauguración de onte, o secretario xeral de Política Lingüística apuntou que esta exposición ten un significado especial en Monforte. «A obra dun autor como o Manuel ?dixo? non se pode restrinxir a unha área xeográfica, sexa Monforte, ou Outeiro de Rei, porque é unha obra para toda Galicia, pero a súa figura persoal, a súa biografía si que están intimamente ligadas a Monforte».

Pola súa banda, o alcalde non deu datas concretas para a colocación das placas conmemorativas nin para a reedición de Cancioneiro de Monforte, pero garantiu que tanto unha cousa como a outra chegarán antes de que remate este ano.

A exposición inaugurada onte en Monforte rematará o seu percorrido a final de ano, pero aínda lle quedan tres paradas, en Lugo, Ferrol e Ourense.