Unha cruz de pedra roubada e devolta ao seu sitio en Distriz

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

MONFORTE DE LEMOS

O arqueólogo Xabier Moure desvela un elemento descoñecido do patrimonio de Monforte

14 sep 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O arqueólogo lucense Xabier Moure leva tempo facendo percorridos o territorio de Monforte para intentar encontrar petróglifos, xa que ata hoxe non se descubriu nesta zona ningún grabado rupestre prehistórico, a diferenza doutros municipios da comarca. Por agora non encontrou ningún petróglifo, pero no decurso destas visitas tivo ocasión de localizar varios elementos ignorados do patrimonio local. A finais de agosto achou na igrexa da parroquia de Moreda o que parece ser un fragmento dun miliario romano, que sería o primeiro descrito en toda a comarca. Nos pasados días puido consignar na parroquia de Distriz a existencia doutro singular elemento patrimonial só coñecido polos veciños da zona.

O achado consiste nunha pedra fincada no chan que ten labrada a figura dunha cruz. O monolito ten unha altura aproximada de 1,20 metros -sen contar a parte enterrada- e unha anchura de en torno a medio metro, e encóntrase nun lugar denominado A Zanxa polos veciños, no lugar da Agra de Distriz, case no límite coa veciña parroquia de Piñeira. A antigüidade da escultura é díficil de precisar, pero a tradición oral ofrece diversas versións sobre a súa posible orixe. Segundo explica o arqueólogo, un veciño de Piñeira que o axudou a localizar a pedra afirma ter oído aos seus maiores que foi colocada «en memoria dun conde de Monforte que foi morto por un nobre de Ferreira de Pantón». Unha veciña de Piñeira, por outra parte, asegurou «que o conde de Monforte fora morto alí polos irmandiños».

Tentativa frustrada

Moure sinala por outra parte que os veciños da zona contan outra historia acerca da enigmática pedra, neste caso moito máis recente. De acordo con este relato -explica o arqueólogo- «hai uns dez anos roubaron a cruz, pero con tan mala fortuna para o caco que un veciño conseguiu ver a matrícula do coche onde a cargara». Esta persoa, en vez de avisar ás autoridades -engade-, «falou co home para que devolvese a cruz ao seu lugar ou se non denunciábao, e así fixo e morreu o conto». Xunto ao brazo esquerdo da cruz, a pedra mostra unha rotura que ao parecer foi causada neste intento de roubo, ao ser levantada a peza coa axuda dun pequeno guindastre. O investigador apunta por outra parte que a pedra estaba totalmente cuberta pola maleza e que só puido localizala grazas ás indicacións do referido veciño.

Así mesmo, Moure chama a atención sobre a existencia dunha inscrición latina que se encontra nun muro exterior da torre campanario da igrexa da parroquia monfortina de Santa María da Penela e que localizou noutra recente visita. «A falta de decifrar todo o epígrafe, lese perfectamente Pelagius fecit, clara alusión ao nome do construtor», apunta. Pelagius é versión latina do nome propio Paio e fecit significa «fixo». A igrexa da Penela é das poucas do municipio que conservan vestixios da súa orixe románica, xunto coas de Valverde, Ribas Altas e Moreda. A principal pegada deste estilo vese na decoración da súa porta.