A carreira de carrilanas atraiu a numerosos espectadores na segunda xornada das festas chantadinas

La Voz CHANTADA / LA VOZ

CHANTADA

27 ago 2016 . Actualizado a las 22:48 h.

Numerosas persoas presenciaron onte pola tarde nas rúas de Chantada as carreiras de motoplásticas e carrilanas encadradasno programas das festas patronais. A praza de Santa Ana, a rúa Uxío Novoneyra e a avenida de Ourense foron escenario destas competicións humorísticas, nas que non faltaron choques, saídas de vía e emborcamentos que provocaron gargalladas entre o público. O ambiente non foi moi diferente do que envolveu as Olimpiadas Rurais que abriron os festexos no parque Eloísa Rivadulla o pasado xoves. A segunda xornada festiva terminou cun concerto de pop-rock a cargo dos grupos musicais The Pretty Shirts, Terror Erótico Adolescente, Cool Funeral e Sandford Music Factory que comezou en torno á medianoite.

Esta noite, o Folión

Ás once da noite de hoxe comezará o Folión de Carros, o acto máis emblemático e coñecido das festas chantadinas. O desfile reunirá este ano a doce grupos e terá o punto de partida na avenida de Ourense, pasando seguidamente pola rúas Mariano Cedrón e a avenida de Monforte, para terminar na praza de Galicia. O inicio adiantouse unha hora con respecto aos anos anteriores e os carros desfilarán con máis lentitude para que poidan ser mellor apreciados polos asistentes. Previamente, ás oito da tarde, comezará na praza de Catro Camiños unha «foliada carroceira» organizada pola Asociación de Amigos do Folión na que participarán os grupos Suasairas, Searas, Punkdereteiras e Os Barrios, así como a banda municipal de gaitas e os gaiteiros da Escola Tradicional de Música de Chantada.