Dinamita, un ciclón... os últimos tempos da torre de Arcos

Rodrigo Fernández
roi fernández CHANTADA / LA VOZ

CHANTADA

<span lang= es-es >O pouco que queda hoxe en pé</span>. Imaxe actual dos restos da torre de Arcos, cos aeroxeradores do parque eólico do Monte Faro ao fondo.
O pouco que queda hoxe en pé. Imaxe actual dos restos da torre de Arcos, cos aeroxeradores do parque eólico do Monte Faro ao fondo. r. fernández< / span>

Os restos da fortaleza de Chantada non caeron o día do «Hortensia», senón dous meses despois

11 feb 2016 . Actualizado a las 21:48 h.

Eran as doce e media da noite do 18 de novembro de 1984. Nese momento caía derrubada polo abandono a chantadina Torre de Arcos. Víñase abaixo sobre a casa que fora construída pegada á súa base, a de Manuel González García, que nese momento estaba dentro. Numerosas fontes atribúen o derrubamento ao ciclón Hortensia, pero aquel famoso vendaval sucedera o 4 de outubro, case dous meses antes.

Moita xente lembra aínda erguido o magnífico edificio do século XIV, cos seus 45 metros de altura. Iso si, xa non hai quen o recorde coa cima almeada. Esa parte desapareceu porque os seus sillares foron utilizados como material de construción. Os responsables de aquilo chegaron a usar dinamita para arrincar e mover as pedras. Esas mesmas pedras evitaban a entrada de auga nos anchos muros, así que ao desapareceren, o paso dos anos foi reducindo a solidez do edificio.

«A cima da torre foi sacada polo Muxicas, un veciño do lugar da Torre, da familia chamada da Visita de Chantada», conta José, un veciño da parroquia de Arcos. A versión que chegou a hoxe boca en boca di que aquel Musicas «puxo barrenos de dinamita enriba da torre voándoa, haberá 120 anos, para sacar pedra para a construción».

José lembra que sendo un rapaz el e os seus amigos entraban nela e que no interior da torre aínda se conservaban as vigas de madeira. Algúns rapaces subían á cima pero el non se atrevía a asomarse porque era moita a altura. «Dende alí non se vía ningún coto, só todo chan», explica. Igual que outros veciños, a José tamén lle contaron por que a torre tiña unha enorme fenda dende a ventá cara arriba: «Din que lla fixera un canonazo dende o Castro de Paderne».

«Ao Muxicas paráronlle os pes», conta Argimiro Fiunte cando fala das voaduras da cima da torre. Fiunte é o único veciño do lugar de Lamasindín, tamén en Arcos, e recorda que «o Muxicas foi morrer onde os da Visita a Chantada porque serían parentes e despois a Torre de Arcos mercouna o Pepito Mantequillas [José Fernández, o fundador da Granxa Arjeriz] por 700.000 pesetas, levantando un embargo que tiña o Muxicas. O Pepito quería a Torre porque xa era dono de Suatorre [o pazo que está nas proximidades]». O pai de Argimiro Fiunte subía ramas ata o alto da Torre. «Contaba que o ancho dos muros alá arriba, era tanto que podía andar por eles un carro do país», recorda hoxe o seu fillo.

Este veciño oíu o estrondo do derrubamento. «O home estaba na cama e caéralle unha pedra no estómago, acudírono rápidamente os veciños do lugar do Barrio, na parroquia de Muradelle, de onde era el». O home do que fala Fiunte é Manuel González García, que que pouco antes de caer a torre chegaba de botar a partida da cantina de Limiñón. As súas chamadas de auxilio guiaron aos veciños e familiares do lugar do Barrio que con rudimentarios medios conseguiron sacalo para levalo ao posto da Cruz Vermella de Chantada, e posteriormente á residencia sanitaria de Lugo.

Preocupación entre a prensa local... no ano 1923

O proceso de deterioro do que ficaba en pé da antiga fortaleza feudal de Arcos no foi cousa duns anos. O xornal local chantadino El Regionalista xa se facía eco do risco de derrube no ano 1923. Así o contaba: «Se dice que está amenazada de una próxima desaparición la torre de Arcos, digna de estima y veneración por su papel de relieve en la historia local y provincial. Le prestaba realce y carácter su conservación bastante buena, pero sin embargo, parece que se trata de utilizar las magníficas piedras de sus muros, y que, en su consecuencia, desaparecerá la torre para levantar con sus restos algún muro o algún casón aldeano.

Sería una lástima; pero... ¡tantos casos análogos se han visto!

Por si tal ocurre y para que no se extinga de todo la silueta de la esbelta torre inmortalizada por Gándara y Vicetto, un núcleo de chantadinos cultos proyectan realizar uno de estos días una excursión a Arcos con objeto de sacar varias fotografías del antiquísimo monumento. Las adhesiones para tal excursión se reciben en la redacción de El Regionalista».