Imagen:Nos arredores da igrexa pódese atopar boa pedra.

As pedras de afiar veñen de Veascós

Unha parroquia de Carballedo ten o mellor granito da comarca de Chantada


monforte / la voz

De moitos é coñecida a boa calidade do granito extraído en diferentes lugares do municipio de Carballedo, pero a xeoloxía foi dobremente xenerosa con esta terra. Da parroquia de Veascós, concretamente dos agros de Outeiro e os arredores da igrexa, sacáronse ao longo dos anos as mellores pedras de afiar os coitelos e outras ferramentas.

E esta concreta orixe era a mellor publicidade que lle daban os feirantes que as vendían. Os vellos de toda a comarca apreciaban a diferencia de asentar un coitelo, unha navalla, unha fouciña, unha podela ou as trenchas dos carpinteiros nestas areosas pedras.

O termo municipal de Carballedo raia nos Peares coa patria dos afiadores, Nogueira de Ramuín. Quen sabe se nalgún tempo estas actividades estiveron relacionadas.

Aparecen en valados

Hoxe case ninguen vai buscar granito para pedras de afiar. Os tempos cambiaron e o consumismo lévanos a mercalas nas ferraxerías dos grandes espazos comerciais, en presentacións máis homoxéneas e de formas regulares. Aínda así, de vez en cando chega xente á casa de Nonita de Outeiro preguntando por elas e levando algunhas que ás veces xa aparecen en pedras de valados.

Hai pouco tempo, ao carón da igrexa, había unha pequena canteira con forma de burato grande que se tapou para facer un terreo chan para facilitar o aparcamento dos autobuses nos enterros. No cemiterio hai unha pequena fosa pegada os nichos, lugar indicado por un veciño da parroquia como un bo filón desta pedra ferramenta.

Votación
8 votos
Etiquetas
Chantada Carballedo Nogueira de Ramuín Comarca de Chantada Comarca de Ourense