O castro de Cereixa aínda non foi escavado, pero xa é visible por dentro

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

A POBRA DO BROLLÓN

PROXECTO SAN LOURENZO

Os arqueológos elaboraron un plano do subsolo do asentamento mediante sondaxes xeomagnéticas

28 sep 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

As escavacións que se realicen nos próximos anos no castro de San Lourenzo, na Pobra do Brollón, poderán contar cunha guía fiable que permite coñecer por adiantado os lugares máis interesantes para investigar. Os responsables deste proxecto arqueolóxico -promovido pola asociación veciñal da parroquia de Cereixa- dispoñen dun plano do subsolo do asentamento que foi realizado mediante prospeccións xeomagnéticas e que indica con nitidez a situación de numerosos restos de edificios. Ata agora, as únicas escavacións feitas no castro son as que se realizaron este verán e afectaron a unha parte moi pequena da súa superficie.

O arqueólogo Xurxo Ayán, director técnico do proxecto, resalta o valor desta ferramenta. «Agora sabemos con certeza onde están situadas as antigas estruturas e poderemos acceder a elas directamente, sen ter que facer sondaxes previas para localizar os puntos de maior interese», explica. No plano poden distinguirse diversas construcións de planta cuadrangular, unha fisonomía típica dos castros galaicorromanos. A prospección detectou tamén o que parecen ser masas de escouras de ferro, o que coborroraría as suposicións dos arqueólogos, segundo as cales este este castro foi un poboado metalúrxico dedicado a fabricar ferramentas para a mina de ouro romana dos Medos, situada na actual capital municipal.

 

Natureza do terreo

 

Ayán sinala que a natureza do terreno facilitou estas prospeccións. «O solo está composto de terra areosa e non hai afloramentos rochosos, que causan distorsións neste tipo de sondaxes», explica. Por outro lado, o recinto do castro nunca foi aproveitado para a agricultura, o que impediu que os vestixios das construcións antigas fosen alterados ou destruídos polos arados.

En Galicia hai poucos precedentes neste tipo de investigación

Na investigación dos castros galegos non hai moitos casos do uso das prospeccións xemagnéticas para explorar os asentamentos antes de que sexan escavados. Segundo Xurxo Ayán, «a esta escala, o único precedente é un proxecto arqueolóxico realizado hai algúns anos pola Deputación de Pontevedra na comarca do Deza». Esta técnica foi utilizada entón para explorar o subsolo de varios castros da zona, pero os resultados desta investigación -e os planos que puideron realizarse grazas a este método- non foron publicados ata agora. «No proxecto do castro de San Lourenzo optamos pola transparencia e por difundir en tempo real toda a documentación a medida que se van realizando os achados», comenta a respecto o arqueólogo.

Nas campañas arqueolóxicas realizadas ata agora no castro de Arxeriz -no municipio do Saviñao- non se utilizou ata agora este método de prospección. Os responsables da Fundación Xosé Soto de Fión, que promove o proxecto, non desbotan a posibilidade de recorrer a este sistema a fin de determinar a posición das estruturas construtivas que aínda permanecen ocultas por debaixo da superficie do terreo.

Non obstante, Xurxo Ayán cre que as sondaxes xeomagnéticas poden ser moito máis problemáticas neste xacemento que no de Cereixa, debido a que o terreo é dun tipo moi diferente. «No castro de Arxeriz hai afloramentos graníticos e a presenza de masas de granito é un obstáculo moi importante para aplicar esta técnica», sinala. «É difícil que nese xacemento se poida elaborar un plano do subsolo tan completo e tan nítido como o do castro de San Lourenzo», agrega.

Un método complexo e custoso que pode supor un importante aforro de tempo e diñeiro

As prospeccións xeomagnéticas baséanse no rexistro das variacións locais do campo magnético terrestre e resultan notablemente custosas. A realización do plano do subsolo do castro de Cereixa requeriu un gasto de en torno a 6.800 euros. Pero Ayán sinala que este investimento suporá un importante aforro de tempo, de esforzo e de diñeiro á hora de realizar as escavacións. Sabendo onde están os puntos de maior interese arqueolóxico, xa non será necesario realizar catas previas que poderían resultar falidas.

O traballo foi realizado por unha empresa especializada e financiado con fondos propios do proxecto arqueolóxico, que conta co apoio da Universidade do País Vasco e da Cátedra Unesco de Vitoria-Gasteiz. O Concello da Pobra do Brollón ocupouse de retirar a maleza que cubría completamente o castro, a fin de permitir realizar as sondaxes xeomagnéticas.