En busca dunha antiga fábrica metalúrxica no castro de Cereixa

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

A POBRA DO BROLLÓN

CEDIDA

Os investigadores cren que no asentamento se elaboraron útiles de ferro usados nas minas de ouro da época romana

17 ago 2016 . Actualizado a las 21:05 h.

Durante a segunda quincena deste mes levaranse a cabo na parroquia de Cereixa -na Pobra do Brollón- as primeiras sondaxes arqueolóxicas no que se supón que é un poboado mineiro da época romana. A intervención forma parte dun proxecto promovido pola asociación veciñal María Castaña en colaboración co Instituto de Ciencias do Patrimonio e a Universidade do País Vasco, e ten por escenario o castro de San Lourenzo. Os investigadores manexan a hipótese de que neste asentamento existiu un complexo metalúrxico onde se fabricaron as ferramentas utilizadas na antiga mina de ouro dos Medos, sobre a cal foi construído o actual campo de fútbol do municipio.

O arqueólogo Xurxo Ayán, natural do municipio e director dos traballos de campo, espera que este xacemento proporcione unha abundante información sobre a minería romana, a tecnoloxía e a organización socioeconómica da época. «Supoñemos que os materiais arqueolóxicos estarán moi ben conservados porque, polo que sabemos, no castro nunca se levaron a cabo labores agrícolas, ao contrario do que sucedeu en moitos outros lugares», explica. Por este motivo, os investigadores cren que os restos de antigas construcións e os demais materiais que poidan descubrir estarán moito menos removidos e alterados que os que se encontran noutros xacementos.

Estruturas construtivas

As prospeccións realizadas ata agora indican que no subsolo do castro hai restos de estruturas construtivas de planta rectangular e cuadrangular. «Non hai construcións de planta circular nin edificios adosados á muralla que rodea o recinto, ao contrario do que ocorre nos castros prerromanos», sinala Ayán. Este modelo -engade o arqueólogo- correspóndese moi ben co dos castros mineiros romanos. Outros asentamentos deste mesmo tipo xa foron estudados anteriormente en zonas como o Bierzo, a serra da Cabrera -nos Montes de León- e a rexión portuguesa de Trás-os-Montes. O exemplo máis próximo no sur lucense é o castro de Torre ou de Sobredo, na Serra do Courel, onde se realizaron algunhas investigacións arqueolóxicas nos anos noventa.

Por outro lado, a presenza no castro de árbores de grande tamaño indica que o terreo ten unha importante profundidade, de entre 2,5 e tres metros, polo que existe a posibilidade de que conteña grandes cantidades de materiais arqueolóxicos. As sondaxes que comezan esta semana serán só a primeira parte dunha investigación que se prevé que teña varios anos de duración.

Durante a primeira quincena deste mes, por outra parte, iniciáronse unhas escavacións nas ruínas da vella ermida de San Lourenzo, situada no interior do recinto do castro. Os responsables do proxecto arqueolóxico pretenden levar a cabo máis adiante unha reconstrución o máis completa posible deste edificio, que posiblemente é de orixe medieval e que, segundo apunta Xurxo Ayán, presenta un nivel de complexidade moito maior do que cabe esperar nunha sinxela capela popular. A construción consta de de dúas naves e ten unha estrutura en forma de ele, unha circunstancia que dá moito que pensar aos investigadores.

Sobre as posibles orixes deste templo -de cuxa historia case non se sabe nada-, o arqueólogo sinala que hai varias posibilidades. Pode tratarse dunha fundación privada promovida por unha familia fidalga ou ben puido formar parte dun núcleo de poboación da Idade Media. En tal caso, é posible que no seu entorno aparezan tamén restos de vivendas e mesmo de enterramentos. Ayán indica que tamén podería ser a antiga igrexa parroquial de Cereixa. Polos documentos históricos sábese que a igrexa actual foi construída en 1802 e que substituíu a outra máis antiga que se encontraba nun lugar considerado como pouco adecuado para cumprir esa función. «Pero os documentos non indican con precisión o sitio onde estaba a igrexa antiga, así que é probable que sexa a ermida do castro de San Lourenzo», agrega.

 

Prospección magnética

Os arqueólogos que traballan no castro de San Lourenzo dispoñen dun plano  que lles indica o que poderán encontrar no subsolo. Foi realizado mediante a técnica coñecida como prospección magnética, baseada no rexistro das variacións locais do campo magnético terrestre. Con este método detectouse a presenza de numerosos restos soterrados de construcións e de importantes cantidades de ferro, que supostamente son escouras de fundición.